A mostra pode visitarse ao aire libre fronte ás Casiñas da Compañía ata o 13 de outubro
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou este xoves, 1 de outubro, en Monforte de Lemos a exposición itinerante «50 anos coidando a Terra». A mostra repasa cinco décadas de actividade da organización e as mobilizacións ambientais nas que participou. Permanecerá fronte ás Casiñas da Compañía ata o 13 de outubro.
A exposición reúne 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos. A través de textos e imaxes, aborda cuestións como as verteduras contaminantes, os incendios forestais e a defensa do territorio ante a especulación e os grandes proxectos industriais. A instalación inclúe tamén bidóns simbólicos que evocan a oposición aos vertidos de residuos radioactivos na Fosa Atlántica.
O acto inaugural foi conducido polo educador ambiental de ADEGA Ramsés Pérez, quen destacou os antecedentes históricos de moitos dos problemas ambientais actuais e defendeu a implicación social para afrontalos. Na súa intervención, reivindicou o papel do movemento ecoloxista e a contribución das accións individuais á protección do medio.
Participaron na inauguración o alcalde de Monforte, José Tomé; a tenente de alcalde, Gloria Prada; o concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luís Losada; e o voceiro do BNG, Emilio José Sánchez. Tamén asistiron representantes de Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde e da Asociación Sarria Aire Limpo.
Tomé animou a veciñanza a visitar a exposición e agradeceu a súa chegada ao municipio. Tras o acto, Lucía A. Anido, vogal de decrecemento de ADEGA, guiou as persoas asistentes nun percorrido polos paneis.
A mostra, que xa pasou por outras localidades galegas, contou co apoio da Deputación da Coruña. Segundo ADEGA, ademais de conmemorar o seu 50 aniversario, pretende promover a educación ambiental e achegar ás novas xeracións a historia do ecoloxismo galego.






