A apertura da residencia de Becerrea máis cerca, adxudicado por máis dun millón de euros o equipamento da residencia

 A Xunta de Goberno provincial aprobou a contratación dos cinco lotes destinados a dotar o centro, que contará con 90 prazas residenciais e 40 de centro de día.

A  Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación da subministración do equipamento do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá por un importe total de 1.058.847,70 euros. O contrato, dividido en cinco lotes, contempla un prazo de garantía de cinco anos e foi distribuído entre catro empresas.

Os lotes 1 e 2, correspondentes ao mobiliario, electrodomésticos, produtos de limpeza e equipamento médico, farmacéutico e de hixiene persoal, foron adxudicados a Industrias Hidráulicas Pardo S.L. O lote 3, destinado ao material de lavandería, recaeu en Mariña Clima S.L.; o lote 4, relativo a cortinas e material téxtil, en Modogar Textil S.L.; e o lote 5, de sinalización e artigos relacionados, en Signo Creaciones S.L.

A adxudicación forma parte dos trámites para a posta en funcionamento do centro, proxectado con 90 prazas de residencia e 40 de centro de día.

Adxudicación previa do equipamento da cociña

Hai unhas semanas, a Xunta de Goberno provincial aprobora tamén a contratación do equipamento e a adaptación das instalacións da cociña da residencia, mediante dous lotes. O primeiro foi adxudicado a Mariña Clima S.L. por 441.705,21 euros e inclúe o equipamento industrial e a adaptación das instalacións. O segundo, correspondente á subministración dun depósito de gas licuado do petróleo (GLP), foi adxudicado a Socogas S.A. por 17.346,10 euros.

Un dos catro centros en construción

A residencia de Becerreá forma parte dos catro centros para persoas maiores que a Deputación de Lugo ten actualmente en construción, xunto aos da Pontenova, Guitiriz e A Pobra de Brollón. A institución provincial, presidida por Carmela López, mantén estes proxectos entre as actuacións destinadas a ampliar a rede de atención residencial.

Estas instalacións incorporaranse ás nove residencias que a Deputación xa ten en funcionamento en distintos concellos da provincia. O plan provincial contempla tamén a futura creación doutros centros, entre eles o de Cervantes. Os Orzamentos da Deputación para 2027 incluirán partidas destinadas a avanzar neste programa.

O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, trasladou a Xornal de Lugo a satisfacción do Concello polas adxudicacións aprobadas para o equipamento da residencia e agradeceu á actual presidenta da Deputación, Carmela López, a súa disposición a escoitar, cualificándoa como unha persoa dialogante.

Martínez aproveitou tamén para criticar a xestión do anterior presidente provincial, José Tomé, ao que responsabilizou dos atrasos que, segundo afirmou, prexudicaron ás persoas máis vulnerables da comarca dos Ancares, especialmente ás de Becerreá. O rexedor empregou unha expresión especialmente dura para referirse a Tomé, ao que cualificou de «psicópata-narcisista», e denunciou que a demora na posta en marcha das instalacións privou durante este tempo de recursos asistenciais a persoas dependentes, veciños que viven sós en núcleos rurais e persoas con problemas de mobilidade.

O alcalde incidiu na importancia da apertura do centro para reforzar a atención ás persoas maiores e dependentes do municipio e da comarca.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com