O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou este martes os avances na conservación e promoción do Can de Palleiro, grazas ao apoio da Administración autonómica, durante a presentación dun estudo xenómico na Facultade de Veterinaria da USC.
A investigación, financiada integramente pola Consellería do Medio Rural, busca mellorar o coñecemento, a identificación e a recuperación desta raza canina autóctona galega. No acto participaron tamén o catedrático de Xenética da USC Paulino Martínez, responsable do estudo, e o presidente da asociación Can de Palleiro, Daniel Conde.
Villares subliñou a colaboración continuada da Xunta co colectivo, ao que achega 80.000 euros mediante un convenio vixente ata 2028 para impulsar accións de fomento e difusión da raza. Segundo indicou, este apoio permitiu incrementar o número de criadores e de animais inscritos no libro xenealóxico.
O Can de Palleiro foi recoñecido oficialmente en 2001, tras constatarse a existencia dunha poboación de exemplares con características propias e diferenciadas. O seu interese xenético, social e cultural para Galicia levou á publicación do estándar racial e á creación do libro xenealóxico, ferramentas fundamentais para a súa preservación.






