A Policía Local intervén por varias incidencias relacionadas coa seguridade e a convivencia na cidade

A Policía Local de Lugo realizou durante a fin de semana varias intervencións relacionadas coa actividade irregular de aparcacoches nas inmediacións do HULA, o rescate dun cachorro e distintos incidentes en vivendas e locais de ocio.

O venres 13, os axentes denunciaron dous individuos que exercían como aparcacoches nas inmediacións do HULA, indicando aos condutores lugares libres para estacionar desde a calzada. Tras ser advertidos en varias ocasións para que abandonasen esta actividade, ambos foron denunciados por unha presunta infracción da Lei de Protección da Seguridade Cidadá por desobediencia aos axentes.

Ese mesmo día, no Parque dos Paxariños, na zona da Ronda das Fontiñas, foi rescatado un cachorro dun mes de idade que se atopaba entre a maleza. Ao non ter microchip, o animal quedou a cargo do servizo de lacaría.

Outra intervención produciuse esa noite nunha vivenda do sur da cidade, tras unha denuncia cruzada entre unha nai e a súa filla por unha presunta agresión. Ambas foron detidas e trasladadas a un centro sanitario e posteriormente a dependencias policiais para tramitar as dilixencias.

A actividade nos locais de ocio tamén motivou varias actuacións. Na madrugada do sábado, a Policía denunciou un café-bar do Camiño Real por permanecer aberto máis alá do horario autorizado. Ademais, unha muller comunicou unha presunta agresión á saída dun establecemento de ocio do centro, polo que foi trasladada a un centro sanitario.

Xa na madrugada do luns, os axentes identificaron tres persoas tras un incidente con acusacións cruzadas de agresión na rúa Clérigos. Ningunha delas solicitou asistencia médica e todas foron informadas dos trámites para presentar denuncia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com