CCOO trasladou á subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, a súa preocupación pola falta de persoal en Correos e as consecuencias que, segundo o sindicato, está a ter na calidade do servizo postal na provincia.
Nun encontro celebrado este mércores, a organización sindical advertiu de dificultades no reparto, atrasos nas entregas, sobrecarga de traballo e menor capacidade de atención presencial. Entre as zonas afectadas citou Lugo capital, Monforte, Quiroga, Foz, Viveiro, Mondoñedo e Ferreira, con especial incidencia nas áreas rurais.
CCOO tamén denunciou o incumprimento dos compromisos recollidos no acordo laboral de decembro de 2024, entre eles a xornada de 35 horas, as convocatorias de emprego, as bolsas de contratación e os plans de xubilacións anticipadas.
O sindicato pediu á Subdelegación que traslade estas demandas ao Goberno e á SEPI, accionista único de Correos, e reclamou medidas para garantir o emprego e a prestación do servizo público. Ademais, anunciou posibles mobilizacións ante a falta de avances nas negociacións.






