A Xunta de Goberno Local aprobou a contatación da pianista Marta Argerich

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o expediente para a unha contratación musical a celebrar o 16 de decembro no Auditorio Fuxan os Ventos e formará parte da programación municipal de Nadal. Asemade a xunta tamén aprobou a renovación do sistema informático das bibliotecas e a adhesión ao convenio para a reciclaxe dos envases de vidro.

A pianista internacional Marta Argerich actuará en Lugo o vindeiro 16 de decembro, ás 20.30 horas, nun concerto que compartirá co pianista galego Pablo Galdo Vigo no Auditorio Fuxan os Ventos.

Argerich é unha das figuras de referencia do piano a nivel internacional, cunha traxectoria marcada pola interpretación de obras do repertorio clásico. O concerto será unha das propostas musicais incluídas na programación de Nadal, cuxo contido completo está previsto que se dea a coñecer nas próximas horas e que contará con actividades dirixidas a diferentes públicos.

Renovación do sistema informático das bibliotecas

Na mesma sesión, o Goberno local aprobou o expediente para renovar o mantemento e as licenzas do sistema integrado de xestión bibliotecaria empregado nas bibliotecas municipais.

O contrato terá unha duración inicial de 36 meses e un orzamento de 7.880,37 euros. A renovación permitirá manter operativo o programa que xestiona os fondos bibliográficos e os servizos das bibliotecas, garantindo a continuidade da plataforma actual e evitando o traslado dos datos a outro sistema.

Convenio para a reciclaxe dos envases de vidro

Outro dos acordos adoptados foi a adhesión do Concello de Lugo ao convenio marco coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor, a través de Ecovidrio, para a xestión dos residuos de envases domésticos de vidro dun só uso.

O Concello optou pola modalidade que atribúe a Ecovidrio a organización e o financiamento integral da recollida selectiva, o transporte e o tratamento dos residuos, así como a limpeza, o mantemento, a reparación e a reposición dos colectores.

O acordo non suporá inicialmente ningún compromiso económico para a administración municipal. Ademais, contempla unha achega de 0,06 euros por habitante e ano destinada a desenvolver campañas informativas e de sensibilización sobre a importancia da reciclaxe do vidro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com