O Concello de Lugo celebrou este mércores o acto central do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha convocatoria de lembranza das vítimas e de rexeitamento a todas as formas de violencia machista.
Durante o acto, no que participaron representantes da Corporación municipal e de distintas entidades sociais, lembrouse que 47 mulleres foron asasinadas en España no que vai de ano polas súas parellas ou exparellas. Tamén se puxo o foco nas consecuencias desta violencia sobre a infancia, con tres menores asasinados e 38 que quedaron orfos en 2026, segundo os datos recollidos na declaración institucional.
A lectura do manifesto correu a cargo de Sarais Antonieta Aponte, usuaria da Casa da Muller, que lembrou as vítimas e as mulleres que viven situacións de ameaza, control ou maltrato. O texto incidiu na necesidade de reforzar a prevención, a protección e a atención integral, así como de prestar especial atención á mocidade e ás novas formas de violencia dixital. Tamén reivindicou a promoción de relacións baseadas no respecto, o consentimento e a liberdade.
Asemade a Deputación de Lugo conmemorou tamén o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto na Praza de San Marcos, no que se deu lectura á declaración institucional aprobada por unanimidade no pleno provincial do pasado martes e asinada polos tres grupos políticos da corporación: PSdeG, BNG e PP.
O documento expresa a condena de todas as formas de violencia machista e lembra as mulleres asasinadas, así como os seus fillos e fillas, tamén vítimas desta realidade. Segundo os datos recollidos na declaración, a 27 de outubro contabilizábanse en España 43 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano, unha delas en Galicia, ademais de tres menores.
A declaración incide na necesidade de reforzar as políticas de prevención, detección temperá, protección e atención ás vítimas, así como de actuar sobre as causas estruturais da violencia, entre elas a desigualdade, os estereotipos sexistas e os comportamentos de control. Tamén advirte sobre o incremento e a presenza de novas formas de violencia dixital e sexual, especialmente entre a mocidade.
A xornada completouse cunha acción artística do alumnado do Centro de Formación Audiovisual, baixo o lema En camiño contra as violencias. X Aniversario (2016-2026). A actividade incluíu a transformación dunha pancarta con mensaxes relacionadas co medo, o control e o desprezo, así como unha lectura coral de dez estudantes, que construíron un percorrido simbólico para reivindicar relacións baseadas no respecto, a liberdade e o consentimento.






