" />

A Asociación Raiolas celebra en Lugo o Día Mundial da Concienciación do Autismo

A Asociación Raiolas celebrou hoxe con diferentes actividades o Día Mundial de Concienciación do Autismo, que se conmemora cada 2 de abril. Ao longo de toda a xornada, a asociación realizou diferentes actividades no Vello Cárcere e na Praza Maior da capital luguesa, co fin de dar visibilidade a este colectivo social e ás persoas que padecen o Trastorno do Espectro Autista, un trastorno neurobiolóxico, que afecta a preto de 27.000 persoas na Comunidade Galega, segundo a Asociación de Autismo de Galicia.

Pola mañá, no Vello Cárcere, a asociación organizou a lectura dun manifesto, a cargo do poeta e dramaturgo, Lois Pérez, e presentouse unha exposición de arte, realizada por varios artistas lucenses que cederon as súas obras, con fins benéficos. Esta mostra permanecerá exposta ata o 30 de abril no Vello Cárcere.

Pola tarde, na Praza Maior, tivo lugar unha mesa informativa, un photocall e unha actuación de baile a cargo da Escola Star Dance. Ademais, este ano, dende a Asociación Autismo Europa, levouse a cabo, a campaña de concienciación I ∞ autismo. Unha dinámica nova para o autismo, que pretende visibilizar a realidade e necesidades das persoas con TEA. Este lema, trata de fomentar a idea dunha sociedade máis inclusiva, promovendo ao mesmo tempo, un achegamento do autismo, a través dunha ollada diferente.

Neste senso, a cidade de Lugo, sumouse a esta iniciativa, na que a programación continuaba cun taller de elaboración do símbolo infinito, signo que representa esta campaña e remataba coa realización dunha fotografía aérea dun infinito humano creado por veciñas e veciños de Lugo.

O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, xunto a outros membros do Goberno local, sumáronse, este martes, aos actos organizados por Raiolas. Santos Ramos puxo en valor o traballo que realizan os colectivos sociais que atenden ás persoas con TEA na provincia pois “a través da Asociación Raiolas e Capaces Lugo, contribuímos a mellorar a súa calidade de vida. Ambos colectivos, que atenden a un total de 108 usuarios de Lugo e da contorna, traballan para acadar a plena integración familiar e social das persoas que padecen este trastorno”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo