A Asociación Si, hai saída condena o crime machista cometido en A Coruña

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero queremos expresar a nosa rotunda condena ante o que semella ser un novo crime machista cometido en A Coruña, por mor do cal Mónica Marcos Piñeiro tería sido asasinada, presuntamente, pola súa parella, con antecedentes por dous casos anteriores de violencia machista, e, naturalmente, facer chegar todo o noso apoio e agarimo a todos os seus seres queridos, e, de xeito moi especial, aos seus fillos.

Así mesmo, desde Si, hai saída, desexamos, unha vez mais, recordar a toda a cidadanía, as Institucións, e, en xeral, a todos cantos teñen competencias neste eido, que as concentracións, os minutos de silencio, nin salvan vidas, nin son, evidentemente, un recurso disuasorio para aqueles desalmados que son quen de matar a sangue fría, polo que de nada serven se non se traballa dunha vez por todas, de xeito real, en tarefas de prevención.

Como, do mesmo xeito, de pouco ou nada serven cantas campañas se poidan facer se falla a base.

Existe, obviamente, un problema educacional, no que o machismo está firmemente arraigado, que xoga un papel fundamental na sustentación da violencia de xénero, pero precisamente por isto, porque está firmemente arraigado, erradicalo non é traballo nin doado, nin de un día, polo que, mentres esta loita se leva a cabo, a prevención é fundamental, como tamén o é a implicación de todos e cada un de nos.

Por suposto, e que ninguén nos entenda mal, desde Si, hai saída apoiamos e compartimos cantas campañas se fagan, que son, sen dúbida ningunha, necesarias e moi positivas, pero agora mesmo é evidente, ante a escalada implacable da violencia machista que estamos a sufrir, que, por si soas, non abondan, e que é urxente que se leven a cabo medidas reais e efectivas, como tamén entendemos que é importante que, dunha vez por todas, se nos escoite a cantos traballamos directamente coas vítimas, vivindo o seu día a día, o seu medo, a súa desesperación, e non soamente a aqueles colectivos que interesen pólitica ou socialmente.

Non pedimos nada a cambio.

Sinxelamente, que se nos escoite e que se teña en conta o que as propias vítimas, as que damos voz, nos transmiten, e isto o facemos extensivo tanto a Institucións, como aos medios de comunicación, e a sociedade en xeral.

Debería ser esta, entendemos, unha loita conxunta, e non de intereses, como, por desgraza, en demasiadas ocasións semella ser.

E en canto as Institucións, pregaríamos, e con todo o respecto e humildade o dicimos, que nos permitan recordarlles que, mentres a loita contra a violencia de xénero se siga levando a cabo practicamente tan so desde os despachos, de pouco ou nada servirá.

O traballo de campo, o contacto coa realidade, é fundamental.

Non podemos, por outra banda, deixar de pregar que se impida, dunha vez por todas, a utilización da violencia de xénero como ferramenta política, ou a cada vez maior e mais deleznable banalización que dela se está a facer, que a está a reducir, en moitos casos, a categoría de lamentable espectáculo, co tremendo dano que isto está a provocar.

De novo, por desgraza, unha vez mais, nos vemos na necesidade de recordar algo que semella non sempre se ten presente: Estamos a falar de vidas.


Asociación Si, hai saída

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com