A Audiencia Provincial de Lugo absolve a un hostaleiro de acosar e agredir sexualmente a unha empregada. O tribunal, tras valorar as probas, conclúe que non existe suficiente evidencia que corrobore a versión da denunciante. Así, asegura que hai contradicións no seu testemuño e que carece de probas obxectivas que o apoien.
“Non resulta debidamente acreditado que, durante a relación laboral, prevalecéndose da súa relación de superioridade xerárquica e da dependencia económica e laboral da denunciante, o procesado desenvolvese unha conduta de natureza sexual non consentida sobre esta”, indica na sentenza.
En consecuencia, aplica o principio in dubio pro reo, que establece que, ante a dúbida sobre a culpabilidade do acusado, debe prevalecer a súa presunción de inocencia. Polo tanto, a Sala absólveo dos delitos dos que estaba acusado. O fallo non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.




