A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu un acusado dun delito continuado de agresión sexual a unha menor ao considerar que non existen probas suficientes para desvirtuar a presunción de inocencia.
A sentenza sinala que a declaración da denunciante, principal proba da acusación, presenta “diverxencias importantes que lle restan fiabilidade” e carece de corroboración periférica suficiente. A Sala destaca que non se acadou a contundencia incriminatoria necesaria para ditar unha condena.
O tribunal considera, ademais, que a versión da defensa resulta o bastante atendible como para xerar unha dúbida razoable sobre a culpabilidade do acusado. Por iso, lembra que unha absolución non implica acreditar a inocencia, senón que non se puido demostrar a culpabilidade máis aló de toda dúbida razoable.
A resolución non é firme e pode ser recorrida.






