A Audiencia ordena reabrir o caso da Maruxaina

A Audiencia Provincial de Lugo ordena que se reabra a investigación sobre as gravacións de mulleres mexando durante a celebración da festa da Maruxaina celebrada en 2019 en San Cibrao (Cervo), as cales foron incorporadas a páxinas web de contido erótico. Os maxistrados conclúen nun auto notificado hoxe que se viu comprometida “a intimidade dun grupo de mulleres”, polo que decreta que se investigue “sobre quen e como realizou as gravacións”. A Sala revoga, polo tanto, a decisión de arquivar o caso adoptada polo maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro.

O alto tribunal provincial entende que se deben practicar dilixencias, como mínimo as solicitadas polo Ministerio Fiscal e dúas das denunciantes, “para determinar o lugar concreto e a forma na que foron colocados os elementos de gravación”, os cales, en principio, considera que foron situados en lugares “insidiosos” para evitar ser descubertos. Ademais, indica que se debe establecer “se o lugar era un lugar apartado ou reservado”, á vez que destaca que, “en aparencia, e a falta de maiores concrecións”, está “apartado da vista de persoas alleas”. Os xuíces tamén aseguran que, en principio, “quen actuou colocando os elementos de gravación era coñecedor de que se trataba dun lugar reservado e que xa viña sendo utilizado en anos anteriores para poder mexar as mulleres sen estar á vista de terceiros”.

No auto, a Sala salienta que o concepto de intimidade non se pode limitar ao ámbito doméstico ou privado. Así, explica que o Tribunal Constitucional “declara expresamente que o ámbito de cobertura deste dereito fundamental vén determinado pola existencia dunha expectativa razoable de privacidade”. Así, por exemplo, establece que cando unha persoa se atopa nunha paraxe inaccesible ou nun lugar solitario debido á hora do día “pode conducirse con plena espontaneidade, na confianza fundada da ausencia de observadores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com