A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa diversas actividades que se desenvolverán na Biblioteca Nodal de Lugo ao longo do mes de xuño, entre as que destacan as que teñen que ver coa celebración do Arde Lucus.
O venres día 12 ás seis da tarde, realizarase o obradoiro de escritura romana “La nube teatro Scripta” dirixido a nenos e nenas entre 4 e 12 anos. Os participantes, ademais de elaborar a súa propia tabula, aprenderán a escribir empregando os materiais típicos da época romana (pergameo, pluma, cana…).
Tamén se levaran a cabo varias mostras bibliográficas en relación a este tema. No vestíbulo exhibirase a mostra “Roma” e na sala infantil a exposición “Arde Lucus”. Ademais, haberá outra mostra cunha temática diversa na sala de préstamo: “Preparando as vacacións”.
Por outra banda, mañá ás seis celebrarase unha sesión de contos para bebés na ludoteca “Os contos do chupete”. Nela intégranse música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral.
Tamén haberá outras actividades dentro da programación infantil. O venres 19 terá lugar o taller de ocio intelixente “O mundo nas túas mans”, no que se traballará con arxila polimérica e empregarase a mímica para tratar de adiviñar animais. E o venres 26 realizarase o obradoiro de animación á lectura dende a linguaxe da ilustración aplicada a literatura infantil e xuvenil “Contando con imaxes”.