A CIG convoca dúas manifestacións na provincia co gallo do 1 de maio

A CIG convoca manifestacións en cidades e vilas para o vindeiro Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, baixo o lema Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas. Desde a CIG fan un chamamento a camiñar cara a unha folga xeral “no convencemento de que é a resposta necesaria” ante a situación que estamos a vivir.

As convocatorias de manifestación na provincia de Lugo son dúas, unha en Lugo e a outra en Ribadeo ambas ás 12 do mediodía. A primeira, a da capital, sairá do edificio Sindical (ronda da Muralla) e a da Mariña terá saída da avenida Galicia diante do edificio de sindicatos.

Fronte á propaganda diaria sobre o crecemento e a recuperación da economía, “desde a CIG temos claro que na realidade estamos diante dunha gran mentira porque todos os indicadores públicos evidencian un empobrecemento xeneralizado”.

Segundo expresa a confederación intersindical, hoxe ter un traballo “non garante vivir en condicións dignas e estamos a vivir tempos de emerxencia nacional e social” ante o agravamento do asentamento da precariedade, dos baixos salarios, das pensións de miseria e dunha incesante emigración.

“Estamos a vivir uns tempos de claro avance da pobreza laboral e dos contratos de traballo en condicións escravizantes, que duran horas, días ou semanas e da instalación de novas formas de explotación laboral, con cadeas interminábeis de subcontratación, de ETTs, de empresas multiservizos, coa imposición dos falsos/as autónomos/as…”, explican dende a CIG.

Por iso a CIG entende que “non podemos permitir a continuidade dos efectos da crise económica nin das reformas laborais e sociais impostas no seu nome porque manteñen o saqueo ás maiorías sociais e ao pobo galego”.

Chama a afrontar o desafío de intensificar a mobilización, como clase  traballadora, para conseguir derrogar as reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións se queremos evitar o risco de vivir en peores condicións que as xeracións anteriores. E explica que “decidímonos a actuar, apostando pola capacidade da clase traballadora de encarar esta situación, porque cremos no enorme potencial da mobilización social, como recentemente demostraron, o 8 de Marzo, as mulleres traballadoras galegas, como demostran os pensionistas ou o persoal da Xustiza en Galiza e outros colectivos de traballadores e traballadoras en loitas importantes nos seus centros de traballo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo