A Corporación municipal ofreceu esta tarde unha recepción oficial no Salón de Sesións ao club lucense Star Dance en recoñecemento aos excelentes resultados acadados no Campionato de España de Hip Hop, unha das principais citas nacionais desta disciplina.
No acto participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Deportes, Damián Carballo, quen trasladaron as súas felicitacións aos integrantes do club polos éxitos conseguidos, destacando o esforzo, a dedicación e o talento demostrados ao longo da competición.
Entre os resultados máis destacados obtidos polo club Star Dance figuran o primeiro posto na categoría infantil e tamén na categoría de parellas, así como o segundo posto nas categorías absoluta e Megacrew. Ademais, o club acadou o terceiro posto na categoría junior, consolidando así unha brillante participación no campionato estatal.
Desde o Goberno local puxeron en valor o traballo desenvolvido tanto polo alumnado da escola como polo equipo técnico e as familias, subliñando o importante papel que desempeñan entidades como Star Dance na promoción do deporte base e na proxección de Lugo a nivel nacional.
A recepción concluíu cunha fotografía de familia e co recoñecemento institucional ao compromiso e aos éxitos deportivos do club lucense






