" />

A Deputación acepta propostas cidadás para celebrar o 10º aniversario da Reserva da Biosfera dos Ancares

A Deputación anunciou hoxe que abre un concurso de ideas para implicar á cidadanía na celebración do 10º aniversario da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ao cumprirse unha década do recoñecemento deste espazo natural pola UNESCO. Deste xeito, calquera persoa que o desexe poderá facer propostas sobre as actividades e iniciativas a desenvolver para esta conmemoración.

Así o anunciou hoxe o titular da Deputación, Darío Campos, despois de presidir a reunión do Órgano Reitor de dita reserva. Do mesmo xeito, a administración provincial tamén está preparando unha serie de actividades que se levarán a cabo ao longo do vindeiro ano nos concellos que forman parte da reserva.

Na reunión deuse conta doutras medidas que se porán en marcha proximamente na reserva, como a elaboración dun Catálogo Aberto do Patrimonio Inmaterial das Reservas da Biosfera españolas, a participación no proxecto “Receitas da Biosfera” -co que se pretende exaltar a gastronomía da rexión dos Ancares- ou a posibilidade de participar nun proxecto ITERREG para a promoción do cultivo ecolóxico de especies vexetais autóctonas de Galicia e do Norte de Portugal que poidan servir para empregar en gastronomía e balneoterapia.

Segundo explicou a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, o proxecto, nomeado “Emprendemento verde baseado no cultivo ecolóxico de especies susceptibles para usos cosméticos e/ou alimentarios” será unha nova oportunidade para o desenvolvemento rural da área. Por iso, durante a reunión do Órgano de Participación, á que asistiron alcaldes e asociacións da zona, pediu colaboración “na busca de pemes que xa estean a traballar neste eido, aínda que non sexa en ecolóxico. Por exemplo, empresas dedicadas á produción de destilados (aceites esenciais, etc..), infusións, plantas desecadas, vinagres, xabóns, etc., así como establecementos que poidan utilizar ou vender estes produtos de cosmética natural”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo