" />

A Deputación aproba a concesión de Augas Mestas para a súa a apertura este mesmo mes

A Xunta de Goberno este venres aprobou a concesión de Augas Mestas, por un período de 25 anos, para a súa apertura este mesmo mes. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou que “este é un exemplo máis de recuperación e posta en valor do patrimonio provincial, pois Augas Mestas levaba máis de 10 sen actividade e agora dáselle un verdadeiro uso público, ao tempo que se ofrece unha solución longa no tempo”.

Na actualidade, o organismo provincial está a executar obras de reforma en Augas Mestas co fin de adaptar o complexo á normativa vixente en canto á accesibilidade e prevención de incendios, así como para dotalo dunha maior seguridade a través de novos medios tecnolóxicos. O conxunto destas actuación fináncianse con fondos europeos.

Martínez explicou que se está a adecuar o conxunto de edificacións que conforman Augas Mestas. Estas esténdense nunha superficie de case 10 hectáreas e son as seguintes: o edificio principal, no que se atopan a cafetería e os vestiarios; as dúas piscinas; a zona de acampada, onde se recupera o edificio de recepción, as parcelas e os catro bungalows de madeira; así como outras tres edificacións da zona de aloxamento para o inverno.

Augasmestas súmase á listaxe de inmobles postos en valor na provincia, ao igual que o son a Gardería do Campus, onde Raiolas situará o primeiro centro de formación na provincia para maiores de 16 anos con autismo; a cesión do antigo hospital San José a ASPNAIS, onde esta asociación lucense ampliará a oferta de servizos para persoas con discapacidade intelectual de toda a provincia; a cesión á COGAMI dunha parcela provincial de case 1.500 metros; a nova sede da UNED no antigo Hotel Miño, ou a transformación do Pazo de Tor nun centro público de promoción económica do rural.

A Deputación venderá o leite producido na Granxa Gayoso Castro, aplicando criterios de carácter solidario. A Xunta de Goberno aprobou as bases que regulan a adxudicación, mediante o procedemento de concurso, do contrato de venda do leite que producen os animais nestas instalacións, parte do cal será distribuído entre persoas necesitadas de toda a provincia.

A cantidade total de leite obxecto do contrato é de máis de 450 toneladas anuais (453.961 quilogramos), que a empresa que resulte adxudicataria deberá recoller nas propias instalacións da Granxa e destinar un 5% da cantidade total aos Bancos de Alimentos existentes na provincia.

Estas bases publicaranse ao longo da vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia e as empresas interesadas contarán cun prazo de dez días hábiles, a contar dende o día seguinte ao da publicación, para presentar toda a documentación esixida nas bases no Rexistro Xeral da entidade.

A Granxa Gayoso Castro conta cunha cabana de algo máis de 100 cabezas de gando frisón, das cales unhas 60 están habitualmente en muxidura (ordeño). As máis de 450 toneladas anuais que producen, indican que estes animais de alta calidade xenética e morfolóxica sitúanse, ademais, nunha media de produción alta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo