" />

A Deputación define o modelo de xestión pública do Centro de Recría

A Xunta de Goberno deste venres aprobará as bases que rexerán a xestión do Centro de Recría da Deputación de Lugo “Gayoso Castro”. O Centro terá un modelo de xestión de iniciativa pública, no que o organismo provincial asume como propio o servizo que se prestará.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, informou hoxe que este modelo de xestión contará, ademais, coa participación directa do sector gandeiro, “posto que é o que máis sabe desta actividade e, polo tanto, o que mellor a coñece e o que maior rendibilidade lle pode sacar ás instalacións”.

De feito, a Deputación terá especial consideración á hora de valorar as ofertas o feito de que os licitadores teñan como base a colaboración directa de entidades de economía social, isto é, de cooperativas, SATs, etc. “que representan inmellorablemente o tecido produtivo do sector na provincia”, tal e como subliñou a Vicepresidenta.

Unha vez aprobado pola Xunta de Goberno o prego de cláusulas que rexerá o contrato, este publicarase no Boletín Oficial da Provincia, a partires do cal os interesados terán un prazo de 15 días naturais para presentar ofertas pola totalidade do obxecto do contrato. Estas ofertas serán avaliadas por unha Mesa Técnica de xeito que, previsiblemente, o Centro poida poñerse en marcha despois do verán.

O adxudicatario deberá explotar o servizo por un período mínimo de 15 anos, prorrogables por períodos de cinco anos ata un máximo de 25. Durante este período, o canon que este deberá satisfacer á Deputación será por un importe mínimo 50.000 euros anuais. Non obstante, o canon definitivo será o que presente o licitador.

Méndez destacou que, no caso de que fóra necesario adaptar as instalacións á realidade da explotación do servizo, tanto para o inicio da actividade como para o funcionamento do servizo, o importe das obras precisas e necesarias para tal fin será detraída do importe do canon, previa presentación de facturas por parte do adxudicatario.

A Vicepresidenta subliñou que, en todo caso, a principal obriga do adxudicatario será a de prestar o servizo de acordo ás especificacións técnicas esixidas pola Deputación de Lugo, o cal deberá detallar na oferta que presente.

Outras das obrigas que detallou Méndez será a de asegurar as condicións e dereitos laborais dos traballadores, “tal e como vén facendo esta Deputación en calquera dos servizos que pon en marcha”. Para iso, o adxudicatario do Centro de Recría deberá contar cunha porcentaxe mínima dun 30% de traballadores con contrato indefinido. Tamén terá a obriga de contratar, como mínimo, un 10% de persoal enmarcado nos colectivos que máis dificultades teñen para acceder ao mercado laboral, tal e como poden ser os maiores de 45 anos, menores de 25 ou parados de longa duración, etc.

A concesionaria deberá respectar, estritamente e en todo momento, a lexislación en materia de protección do emprego, condicións de traballo e prevención de riscos laborais, así como a relativa á protección do medio ambiente.

Os licitadores deberán incorporar á memoria que aporten con motivo da licitación unha proposta coas tarifas que terán que abonar os gandeiros que fagan uso das instalacións. Deste xeito, o adxudicatario recibirá as contraprestacións económicas derivadas desta tarifa mensual, á que se deberá restar o importe do canon que se pague á Deputación.

Esta proposta de tarifas deberá estar xustificada detallando aqueles factores que as determinen, como os custes de explotación do servizo, o beneficio do concesionario ou calquera outro custe derivado da prestación do servizo, entre outros. De calquera xeito, estas tarifas serán aprobadas polo Pleno Provincial.

De calquera xeito, os prezos para os futuros usuarios do Centro poderán variar ao longo da duración da concesión, malia que a súa modificación terá que estar baseada nunha relación motivada dos factores que inflúan, tales como o incremento dos custes de explotación ou das obrigas financeiras que o adxudicatario debera soportar. En todo caso, este deberá xustificar puntualmente estas variacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo