A Deputación insta á Xunta a melloras na atención primaria

Xornada de pleno hoxe na Deputación e xornada na que a esquerda presentaba varias mocións en prol da sanidade pública. Así o PSOE e o BNG elevaban a pleno sendas propostas para instar á Xunta a mellorar a atención primaria na provincia de Lugo.

Ambos grupos fixeron referencia a perda de médicos en diversos concellos, así como de centros de saúde dende o 2009, ano no que comezou o mandato de Alberto Núñez Feijóo. Asemade, tanto PSOE como BNG reclamaron un incremento de especialistas en pediatría.

Por unha banda, o voceiro socialista, Álvaro Santos Ramos, desvelou que “dende que goberna o Partido Popular na Xunta de Galicia, a provincia conta con 23 médicos de atención primaria menos no rural. Os Concellos que perderon profesionais son os de Begonte, Castroverde, Cospeito, Friol, Guitiriz, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, Ourol, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Sarria, O Saviñao, Taboada, Baleira, Carballedo, Cervo, Folgoso do Courel, Pol, A Pontenova e Riotorto, nos últimos 7 municipios estes recortes fixéronse durante a lexislatura do rural do PP de Feijóo no Executivo galego A maiores, o PP tamén pechou dous consultorios no rural da nosa provincia, en Sarria o de Oural e en Carballedo o do Castro, coa total oposición dos veciños”. Asemade, asegurou que en 9 Concellos só teñen un só médico, na súa maioría da Montaña, quedando descubertos nunha saída a domicilio e con amplos tempos nos desprazamentos.

“Dende o PSOE, temos detectado problemas en 16 Concellos da provincia, nos que xa non hai pediatras, nos que a atención non é suficiente ou nos que está asumindo esta responsabilidade médicos de familia. Por exemplo, 2.000 nenos de Viveiro, O Vicedo e Ourol teñen 1 só pediatra, que está desbordado. Con cita pechadas, hai esperas de ata 5 horas para entrar en consulta. 800 familias con cativos de Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo tamén claman o reforzo desta prestación”, explicou o socialista.

Por outra banda, o nacionalista Antonio Veiga, insistiu no “gravísimo deterioro da sanidade pública” que considerou como resultado dos “graves recortes e privatizacións que o Partido Popular leva realizado desde 2009” e que, segundo afirmou, poñen en risco “a saúde e a  vída das persoas”.

“Todos os camiños da política sanitaria do PP tiveron como fin a privatización e o desmantelamento do sistema sanitario público a base de recortes continuos e de pór os resursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas”, explicou Veiga, quen resaltou que a atención primaria foi o ámbito da sanidade pública que máis sufriu os recortes.

“Son moitos os exemplos que se poderían poñer ao respecto disto en cada un dos concellos do país e da provincia de Lugo e, un dos máis preocupantes,  é o do Servizo de Pediatría, servizo que conta cun número de profesionais insuficiente en toda a provincia, ao que hai que engadirlle que as baixas que pode haber dos mesmos, tampouco se cobren”, denunciaba o nacionalista.

A pesares de saír aprobadas ambas mocións, debatidas e votadas conxuntamente, o PP abstívose nas votacións alegando que a “Sanidade non sufriu recortes baixo o mandato de Feijóo na Xunta de Galicia” aínda que recoñecendo, asemade, que “fan falta melloras” neste eido.

Outras mocións

Entre outras mocións, o PSOE tamén elevou a pleno unha moción para o impulso de iniciativas lexislativas que garantan unha atención de calidade de enfermeiros e enfermeiras no sistema sanitario aprobada coa abstención do BNG e do PP. Asemade, o PP levou unha proposta para instar ao Goberno do Estado a recoñecer o valor estratéxico da caza e a elaborar de maneira urxente unha estratexia nacional de xestión cinexética que contou co voto a favor de toda a corporación menos do BNG que se abstivo. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo