O PP provincial non está dacordo cos orzamentos da Deputación e denuncian que non cumpren coas necesidades da provincia

O PP afirma que “non se pode entender” que o orzamento máis alto da historia da Deputación repercuta menos na mellora do día a día dos lucenses.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, denuncia que mentres o presuposto total da Deputación de Lugo aumenta en case 6 millóns de euros a realidade amosa que se reducen nun 10% as aportacións ás entidades locais.

O voceiro tamén fai fincapé en que a suma das transferencias correntes e das transferencias de capital baixan nun 4%, pasando dos 30.4 millóns de euros de 2023 aos 29.1 de 2024, o que se traduce en que hai 1.290.365,61 euros menos para colaborar cos concellos.

Dende o Grupo Provincial Popular denuncian que José Tomé “mentiu durante a súa comparecencia no Parlamento”, o pasado 3 de novembro, cando asegurou que ía aumentar a aportación da Deputación ao Plan Único nun millón de euros, “pero na realidade conxélase, manténdose previsiblemente nos 21.5 millóns de euros e desoíndo a proposta dos deputados populares de aumentalo en 6.5 millóns de euros”.

Os deputados populares afirman que os orzamentos que presentou José Tomé non son sociais nin cumpren coas necesidades da provincia xa que PSOE e BNG conxelan o investimento en política social, “o que se traduce en que non van abrir ningunha nova residencia, nin as rematadas, como é o caso da de Becerreá”.

Antonio Ameijide pon de manifesto que o mantemento da rede viaria provincial “non é nin unha prioridade nin unha preocupación” para Tomé, xa que denuncia que reduce en 400.000 euros os fondos destinados para a mellora das estradas provinciais, a pesar de “estár en moi mal estado”.

En canto ás axudas, liñas e programas vinculados coa actividade agrogandeira, forestal e do mar (axudas para o tecido asociativo e as corporacións locais), o PP argumenta que a redución “é moi drástica”, do 21%, baixando o investimento en 401.461,33 euros.

“A promoción turística da provincia é outro eido no que tanto PSOE como BNG suspenden nas contas para 2024 ao conxelar os fondos destinados para a difusión da imaxe da provincia, mentres seguen destinando importantes partidas para a promoción e difusión das “carreiras políticas” daqueles cargos socialistas e nacionalistas que lles interesan”, comenta o PP provincial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com