A Deputación mantén despregado o dispositivo de inverno na rede provincial

O Goberno da Deputación mantén despregado este domingo o dispositivo de inverno para facer fronte as acumulacións de neve e xeo rexistradas ao longo da madrugada. Arestora, estase a actuar en vías de toda a provincia para garantir a seguridade dos usuarios. Para atender as emerxencias nas estradas ocasionadas polas placas de xeo, o dispositivo, formado por un total de 112 operarios e 64 máquinas, empregou na xornada de hoxe, 1.300 toneladas de fundentes.

Deste xeito, xa se atopan abertas todas as vías nos Concellos de Negueira de Muñiz, Becerreá, A Fonsagrada, A Pontenova, Mondoñedo, Vilalba, Ribas de Sil, e Castroverde, que se viron afectadas polo temporal. Así mesmo, seguen os traballos para garantir a circulación nas estradas de Pedrafita do Cebreiro, Cervantes e O Courel, concellos nos que se rexistraron importantes acumulacións de neve.

Debido ás adversas condicións meteorolóxicas, circúlase con precaución por todas as estradas de alta montaña e recoméndase, levar cadeas e reducir, na medida do posible, os desprazamentos. Cómpre subliñar que o Executivo Provincial ofrece asistencia viaria municipal a todos os Concellos da provincia que o soliciten. Faino de xeito totalmente gratuíto. Trátase dunha prestación que non ofrecen o resto de administracións, que é moi necesaria para as entidades locais, debido á súa falta de medios.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo