" />

A Deputación retoma as visitas ás residencias de maiores da Fonsagrada e de Pol

A Deputación de Lugo decidiu este martes retomar as visitas nos seus centros de maiores en Pol e A Fonsagrada, que permanecían pechados dende o 5 de xullo como medida preventiva ante o rebrote de Covid-19 xurdido na comarca da Mariña. A reapertura será en dúas fases: unha primeira que comeza hoxe e, unha segunda, á que avanzarán unha vez que o servizo de Benestar avalíe a situación epidemiolóxica da provincia.

Esta primeira fase que comeza hoxe permite que acudan ao centro dous visitantes á semana por persoa usuaria, ou ben, dous visitantes por grupos de usuarios (cónxuxes, irmáns…) para procurar diminuír o risco de contaxio. Estas visitas realizaranse con cita previa, de luns a venres, onde se informará de día, hora, duración e medidas que se deben adoptar para realizar a visita en condicións de seguridade. Habilítanse dúas modalidades de visitas: a que se realiza nas instalacións do centro, e a que permite unha saída do recinto con acompañamento de persoal da residencia.

A maiores, os usuarios poderán realizar dúas saídas á semana dunha duración máxima de dúas horas. Nestes paseos, deberán evitar lugares moi concorridos para que non se dean situacións de alto risco de contaxio. Así mesmo, tamén se reanuda o servizo de quiropodia, tendo en conta a importancia que estes coidados teñen para as persoas maiores e o seu benestar.

Transcorridos 7 días, o servizo de Benestar da Deputación de Lugo avaliará a situación epidemiolóxica na provincia para decidir se se flexibilizan as medidas e se avanza a unha segunda fase. Esta segunda fase permitirá 3 visitas á semana que se poderán realizar tamén na fin de semana, e os usuarios poderán realizar 3 saídas persoais á semana. En relación aos servizos, reanudarase o servizo de perruquería.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explica que “se actúa con prudencia e anticipación nestes centros, a pesar de que o brote non era nas súas comarcas porque queremos minimizar o risco de contaxio e protexer aos nosos maiores naquelas cuestións que están ao noso alcance”. Engade que “a mellor pauta que se pode seguir para facerlle fronte ao virus neste momento é a distancia social, non podemos poñer en risco aos nosos maiores e é preferible limitar o acceso agora que máis tarde ter que lamentar consecuencias maiores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo