A Enfermaría lucense rende homenaxe á excelencia profesional na Cea 2026

Lugo, acolle hoxe 29 de maio a tradicional Cea de Homenaxe á Excelencia Profesional 2026, organizada polo Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo baixo o lema “Toda unha vida protexendo a saúde das persoas e garantindo a seguridade dos pacientes”. O evento reunirá a 221 asistentes entre profesionais, autoridades sanitarias e representantes institucionais.

A xornada contará coa presenza de destacadas autoridades do ámbito sanitario e académico galego, encabezadas pola presidenta do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, Eva Gómez Fernández, xunto a representantes dos colexios profesionais de Galicia e diferentes institucións sanitarias e universitarias.

Durante a cea realizouse a entrega de recoñecementos ás enfermeiras e enfermeiros xubilados no ano 2025, así como ás profesionais que cumpriron 25 anos de exercicio profesional, poñendo en valor décadas de dedicación ao coidado da saúde e ao servizo da cidadanía.

Outro dos momentos destacados foi a entrega dos Premios Científicos Muralla de Lugo, creados para fomentar a investigación e a participación da enfermaría en actividades científicas. Entre os traballos premiados destacaron estudos sobre rehabilitación cardíaca, anticoncepción en enfermaría, prevención do tabaquismo en adolescentes e soporte vital básico.

O acto culminará coa entrega do Premio “Practicante Faustino Vilar” á enfermeira lucense Lourdes Bermello López, en recoñecemento á súa brillante traxectoria clínica, docente e investigadora, así como á súa firme defensa da profesión e ao seu compromiso coa cooperación internacional.

Bermello é considerada unha figura de referencia na enfermaría galega pola súa ampla formación académica, a súa labor como docente na Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo e a súa implicación institucional en múltiples organismos sanitarios e profesionais. Ademais, destacou polo seu traballo durante máis dunha década en proxectos de cooperación internacional en Perú e Nicaragua, centrados na formación sanitaria e na defensa da educación sexual feminina.

A súa produción científica, centrada especialmente na esclerose múltiple e o ictus, así como a súa contribución á memoria histórica da profesión enfermeira, consolidan unha carreira marcada pola excelencia, o compromiso humano e o servizo á sociedade.

A Cea de Homenaxe á Excelencia Profesional volverá converterse así nun espazo de recoñecemento, unión e orgullo para a enfermaría lucense e galega.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com