" />

A luguesa Ana Isabel Rodríguez nova decana da Facultade de Ciencias da Comunicación

Ana Isabel Rodríguez Vázquez foi elixida decana da USC co 100% do voto emitido nas eleccións que se desenvolveron o pasado 12 de maio. Entre os desafíos do centro para os próximos anos, Rodríguez destaca o ‘reforzo da internacionalización’, mediante a ampliación da oferta docente transnacional e o incremento da visibilización dos resultados de investigación.

Nun período no que a Facultade afrontará a renovación das titulacións e a implementación dos novos plans de estudo, a decana aposta por entender a calidade como a peza nuclear dun centro que quere ser recoñecido no contexto universitario e social para desenvolver programas formativos que garantan a mellor e máis axeitada formación para o estudantado e dean resposta ás demandas do mercado laboral, tecnolóxico e investigador.
Entre os desafíos do centro para os próximos anos, Rodríguez destaca tamén o reforzo da internacionalización, mediante a ampliación da oferta docente transnacional e o incremento da visibilización dos resultados de investigación; a modernización de infraestruturas, coa actualización xa en marcha dalgunhas das instalacións do edificio deseñado por Álvaro Siza, como a dixitalización do estudio de TV e a renovación do seu estudio virtual; e a consolidación e mellora das condicións laborais de PAS e PDI, nun momento en que o centro, como o resto da USC, encara un acusado relevo xeracional.
Para nova decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, a chave para recuperar o dinamismo dos anos previos á pandemia está no mantemento do espírito colaborativo dos integrantes da comunidade universitaria da Facultade, polo que procurará potenciar a implicación do alumnado na elaboración de propostas e a promoción de iniciativas do centro.
Currículo
Docente do Departamento de Ciencias a Comunicación dende 2003, a profesora Ana Isabel Rodríguez Vázquez desempeñou diferentes cargos de xestión no Centro. Foi secretaria da Dirección do Departamento entre 2008 e 2020 e secretaria académica da Facultade dende o 5 de outubro de 2020, cargo que ocupaba na actualidade.
Doutora en Ciencias da Comunicación pola USC, conta cun sexenio de investigación e centra a súa traxectoria científica no tratamento informativo dos produtos comunicativos en todos os soportes (prensa, radio, TV, internet…), nas novas rutinas produtivas e os perfís profesionais nos medios de información, así como no estudo das audiencias, a programación televisiva e a alfabetización dos públicos.
No eido profesional dirixiu os espazos informativos da Televisión Local de Lugo, liderou e presentou o programa Os nosos pobos en TVE-Galicia, foi coordinadora de contidos da Produtora Ophiusa, S.L. e directora xeral adxunta de Interdix Galicia, S.L., promotora do portal www.galiciadixital.com

Fotografía: Galicia Dixital

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo