A metade da poboación galega respirou aire contaminado durante 2019

Un con tres millóns de galegos e galegas seguiron respirando aire contaminado durante 2019. O informe anual sobre a calidade do aire no Estado español de Ecoloxistas en Acción conclúe que a metade da poboación de Galicia estivo exposta a uns niveis de contaminación que superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos recollidos en 54 estacións oficiais de medición da calidade do aire situadas no noso país, pertencentes  ás redes da Xunta, dos Concellos da Coruña e Ourense, do Estado, dos portos da Coruña e Ferrol e de distintas industrias.

No que atinxe a Galicia, salientamos as seguintes conclusións do informe:

  • Durante 2019 a contaminación atmosférica mantívose en conxunto estable, cunha redución xeral dos niveis de dióxido de nitróxeno (NO2) pero ascensos dos de partículas (PM10 e PM2,5), mentres as concentraciones de ozono troposférico (O3) diminuíron de xeito notable.
  • A contaminación do aire en Galicia ten orixe en catro fontes principais: o tráfico rodado das cidades, ao que se suma o marítimo nas urbes costeiras; as centrais termoeléctricas de carbón e gas natural; e algunhas grandes industrias dos sectores metalúrxico, siderúrxico, madeireiro e cementeiro, ademais da refinaría de petróleo.
  • Como é habitual, non se superaron os límites legais para as concentracións no aire dos diversos contaminantes. Sen embargo, o informe de Ecoloxistas en Acción tamén toma como referencia os máis estritos valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), así como o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación estabelecido pola Unión Europea. De acordo con eses niveis, o aire sucio afectou a metade da poboación residente en Galicia durante 2019, mais non a vexetación.
  • Ao igual que en anos anteriores, nas sete principais cidades galegas rexistráronse superacións dos valores medios anuais e/ou diarios recomendados pola OMS para as partículas PM10 y PM2,5, sobre todo en Vigo e na Coruña. Ademais, na Coruña superouse o valor medio diario para o dióxido de xofre (SO2), e en Ferrol e Santiago o valor medio diario recomendado para o ozono troposférico (O3).
  • Na contorna das fábricas de ALCOA San Cibrao, MEGASA (Narón), FINSA-Santiago e da central de carbón de NATURGY en Meirama rexistráronse superacións do valor medio anual para as partículas PM2,5  recomendado pola OMS. Na área de influencia de ALCOA San Cibrao tamén se superou o valor medio diario para SO2, o mesmo que na da refinaría de REPSOL, aínda que o maior número de superacións se volveu a rexistrar un ano máis nas proximidades da cementeira de COSMOS en Oural (Sarria).
  • O tempo na primavera e o outono foi inestable e húmido, con predominio de tipos de tempo ciclónicos que favoreceron a dispersión e deposición de dióxido de nitróxeno (NO2) e partículas. Por outro lado, a moderada calor estival reduciu as concentracións de ozono troposférico (O3) por debaixo das rexistradas nos últimos anos. Esta é a razón principal do descenso á metade da poboación afectada pola contaminación en relación a 2018, ano en que toda a poboación galega respirou aire contaminado e nun terzo da superficie do país a contaminación afectou a vexetación. Con todo, nalgunhas estacións superouse o valor octohorario recomendado para o O3 , caso de dúas situadas na contorna das centrais de carbón e de ciclo combinado a gas natural de ENDESA nas Pontes.
  • Un contaminante que suscita unha inquedanza crecente, a medida que se van obtendo máis datos sobre os seus niveis, aínda moi pouco coñecidos, é o canceríxeno benzo()pireno, relacionado coa industria metalúrxica e as centrais de biomasa. A situación é especialmente preocupante na Coruña, aínda que durante 2019 diminuíron os valores medidos en 2017 e 2018 na estación de Riazor, probablemente pola menor actividade da fábrica de aluminio da Grela (antes de ALCOA e agora de ALU IBÉRICA). Mesmo así, en Riazor superouse o valor medio anual recomendado pola OMS, o mesmo que noutras estacións situadas na cidade coruñesa, salientando o valor medido na Grela, moi próximo ao límite legal.  Tamén merecen destaque os valores obtidos, por primeiro ano, na contorna das instalacións de ENCE e de FERROATLÁNTICA-Cee (agora XEAL).
  • A contaminación do aire debería abordarse como un problema de saúde pública de primeira orde. Segundo o Instituto de Saúde Carlos III, 10.000 persoas morren anualmente en España en episodios de alta contaminación como os rexistrados a finais de febreiro e xuño e a mediados de xullo de 2019, 150 delas en Galicia.
  • A mellora da calidade do aire require dunha ruptura co modelo do transporte terrestre baseado no vehículo privado, da aceleración da transición enerxética, dunha reestruturación da industria, da penalización do diésel e da redución do transporte marítimo e do uso do avión.
  • A recente crise sanitaria da Covid–19 corroborou de xeito dramático que a diminución do tráfico nas cidades ten claros efectos no descenso da contaminación, algo que á vez supón unha importante mellora da saúde pública. Ecoloxistas en Acción está desenvolvendo unha campaña baixo o lema ‘Confinemos os coches, recuperemos o noso espazo’ para reclamarmos ás Administracións medidas neste senso.

Ecoloxistas en acción.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com