A nova película de Céline Sciamma chega a Codex Cinema

A francesa Petite maman e a española El sustituto son as estreas desta fin de semana.

A cineasta francesa que hai dous anos sorprendeu ao mundo con Retrato dunha muller en chamas, a historia de amor lésbico que marcou un antes e un despois na representación destas relacións no cinema, regresa agora con Petite Maman, un delicioso conto fantástico sobre unha nena que se adentra nun misterioso bosque na busca de aventuras.

Tratando os temas da perda dos seres queridos e das herdanzas xeracionais entre avoas, nais e fillas, Sciamma crea unha película ben diferente á súa anterior obra, pero que volve a falar en feminino, nesa intimidade de mulleres de distintas idades, nun reino onde os homes teñen pouco o nada que dicir. A través dunha mirada naturalista ao tempo pictórica dese bosque máxico onde calquera cousa pode pasar, o filme comeza como un drama para transformarse pouco a pouco nun conto fantástico á maneira dun Michael Ende ou Maurice Sendak. É dicir, como o viaxe iniciático dun neno cara o mundo das responsabilidades adultas.

Tamén unha viaxe difícil de crer é a que realiza o protagonista da outra estrea da semana, El sustituto. Este filme de Óscar Aibar comeza como un drama sobre a violencia estrutural á que se ten que enfrontar un policía para ir pouco a pouco conformándose como un memorable retrato da España da Transición, de todos os seus traumas e males, tanto políticos e económicos. Unha intriga tipicamente hitchcockiana leva
ao protagonista a atoparse coa corrupción política e empresarial, a través do crecemento urbanístico irresponsable e as herdanzas do fascismo.

A película está protagonizada por Ricardo Gómez, coñecido pola súa interpretación de Carlos Alcántara na serie Cuéntame como pasó durante vinte anos. Á marxe desta serie, o actor leva anos formándose unha carreira moi seria tanto en cine como en televisións, en papeis que están lonxe do rol que lle deu a coñecer. A tamén televisiva Vicky Luengo (Hospital central, Antidisturbios) acompáñao neste imprevisible filme de intriga dirixido por Óscar Aibar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com