Lara Méndez, recén nomeada Alcaldesa de Lugo

A oposición critica en bloque os cen días de mandato de Méndez

Os principais partidos da oposición no Concello de Lugo, criticaron a acción do goberno municipal socialista aproveitando que se cumplen cen días dende que Lara Méndez fora elexida Alcaldesa de Lugo, grazas ao apoio de Lugonovo.

Dunha banda, o voceiro do Grupo Popular do PP, Jaime Castiñeira, instou hoxe a alcaldesa a que “tome a iniciativa e que acepte de inmediato a proposta que lle fixo a Xunta para que Lugo sexa etapa da Vuelta Ciclista a España. Lamento a miopía de Lara Méndez e a lentitude de reflexos por non ver unha oportunidade de ouro nunha proposta que lle fixo a Xunta de Galicia. Estamos falando dun acontecemento deportivo que contribúe á promoción turística das cidades onde se celebra xa que ten unha repercusión mediática a nivel nacional e internacional”.

No tocante á promoción turística do municipio, Castiñeira indicou que “a cobertura televisiva, e doutros medios tanto tradicionais como redes sociais repercutirá na difusión de Lugo”. O voceiro popular apunta que “ainda se está a tempo e mesmo suxire que o pelotón de ciclistas pase por lugares emblemáticos como podería ser dar unha volta ao redor da Muralla”.

O popular tamén plantexou á alcaldesa” que non se repita o erro que cometeu a semana pasada ao rexeitar reunirse coa Ministra de Fomento quedando en evidencia a súa falla de cintura política en cuestións de calado e que afectan ao futuro dos lucenses”.

Castiñeira afirma que pasados os primeiros 100 días de goberno da alcaldesa, “vese que é necesario que poña os pés na terra e que aterrice canto antes xa que a percepción que traslada aos lucenses é dunha absoluta falla de reflexos por non ver oportunidades coma e dunha falla absoluta de proxecto de cidade xa que a única medida que implantou, eliminar o contrato da ORA, foi unha moi mala copia do programa do PP”.

Pola súa banda,Santiago Fernández Rocha, portavoz de Lugonovo, afirmou que “en cen días de goberno os lucenses seguen agardando a que a executiva local actúe con determinación nalgún dos temas prioritarios que o Concello ten sobre a mesa, entre eles o Plan de Mobilidade”.

“A recuperación do sistema da ORA, o contrato dos autobuses urbanos, a peonalización da Ronda ou a creación do carril bici e mesmo a dos distritos, son accións que Lugo precisa de xeito inmediato, que levan días no debate público, pero que para poñelas en marcha con rigor, deberían artellarse no modelo de cidade que ven definido no devandito Plan”.

O Grupo Municipal Lugonovo urxe a súa aplicación inmediata, “para non despilfarrar máis recursos dando paus de cego. O Plan existe, custou preto de 140.000 euros e agora esixímoslle á alcaldesa que primeiro o leve ao Pleno para informar das últimas modificacións e logo o aplique.

Segundo o portavoz de Lugonovo, e ao igual que opinan os populares, o feito de que Méndez non se reunise coa Ministra de Fomento, Ana Pastor, na súa visita á cidade a pasada semana, “foi unha auténtica decepción. Por breve que fose o encontro con Ana Pastor, tiña que aproveitar para defender os intereses da cidade e trasladarlle algunha das necesidades, dotacionais e de infraestruturas que ten o Concello.

Por último, Alternativa Cidadá de Esquerdas falou tamén destes  cen días de goberno, afirmando que “a sensación principal que transmite o novo equipo do PSOE encabezado por Lara Méndez é a falta dun proxecto político propio que rexa as decisións tomadas.  A improvisación e a desgana ocupan o lugar da xestión e a ideoloxía neste Concello. A alcaldesa non quería este cargo, foille imposto ao igual que a outros integrantes do seu equipo, e iso nótase no seu xeito de gobernar”, afirmou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE. “A única decisión de calado tomada en cen días foi a suspensión temporal do servizo da ORA, e non é máis que o cumprimento tardío do mandato dunha sentenza xudicial”.

Afirman dende ACE que o PSOE “manéxanse coma se tivesen maioría absoluta, cousa que non é de estranar, se temos en conta que a alcaldía lle saíu gratis”, sinala Portomeñe. “De feito, Lugo é o único concello onde o cargo dun rexedor en minoría non implicou ningún acordo formal nin compromiso político concreto a cumprir coas forzas que o apoiaron”.

“Son moitos os exemplos que denotan a falta dese  diálogo fluído  do que a alcaldesa insiste en presumir, mentindo abertamente á cidadanía. Un dos máis evidentes foi a programación das festas de San Froilán, sobre a que a oposición foi informada a posteriori e sen nin sequera exercer potestade de opinión sobre os grupos musicais, cando ata pode exercela un parente directo da Concelleira de Cultura. “Nos temas realmente cruciais para a cidade Méndez prefire o silencio sepulcral ao diálogo. Só un goberno autoritario pode permitirse eludir explicacións ante unha presunta malversación de fondos públicos coma a da conversión en S.A.D. do C.D. Lugo. Nada menos que 600.000 € das arcas municipais poden ter sido destinados a unha débeda privada, cantidade que triplica as partidas orzamentarias destinadas polo Concello a temas de urxencia social”, recalcou o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com