" />

A oposición resalta o “caos” da xestión de Méndez no Debate do Estado da Cidade

O Concello de Lugo celebrou esta tarde o Debate do Estado da Cidade, onde o equipo de goberno tivo que dar conta dos avances feitos ao longo do ano nas diferentes áreas. O resumo que facían todos os partidos centrábase, principalmente, no “caos” que a xestión da rexedora, Lara Méndez, levou ao Concello e na “parálise” que deixa na cidade ao remate de mandato.

Pero o certo é, que a rexedora se amosou, na súa primeira intervención, positiva e contenta co traballo realizado nestes catro anos nos que gobernou a cidade. Así, nun repaso cronolóxico, a alcaldesa salientou o éxito da primeira parte do mandato, coa que chegou a 2016 cun 81% de execución nos orzamentos. Asemade, culpou á falta de apoios da oposición de parte da parálise que sufre o Concello, resaltando a negativa que a oposición lle deu aos orzamentos de 2017 e a tardanza á hora de aprobar os de 2018, dos que, pese a todo, teñen consignados un 89% de investimentos.

Neste senso, Lara Méndez avanzou que o vindeiro mes de xaneiro, o goberno local presentará os orzamentos para 2019 e deixou en mans da oposición a súa aprobación a sabendas de que é ano electoral: “a oposición terá que elixir entre gobernanza e bloqueo, entre investimentos para a cidadanía ou munición electoral contra o Goberno”.

Asemade a alcaldesa, Lara Méndez, avanzou que presentará aos fondos EDUSI de Europa o proxecto de zona verde que integrará na súa totalidade o sector urbanístico do Garañón co parque Rosalía de Castro e o Miño co fin de conseguir un novo gran pulmón verde en Lugo. O obxectivo, sostivo, é continuar co modelo sustentable impulsado no seu mandato. A rexedora volveu lamentar a falta de apoio da oposición para modificar o PXOM co fin de que o sector CS-5, O Garañón, pase a ter a cualificación urbanística de zona verde sen edificacións, “o que terán que explicar á poboación”.

Tamén avanzou que dará continuidade ao proxecto europeo Life, vinculado co uso dos recursos naturais como a madeira para fomentar un urbanismo sostible, “co fin de dinamizar o emprego e a innovación tecnolóxica a través da economía verde, fomentando un New Deal Verde que premie e potencie a quen desexe coparticipar con nós na nosa estratexia de desenvolvemento sostible”.

Ademais, Lara Méndez anunciou que o Concello asinará un convenio coa Universidade de Santiago, a través do Centro de Estudos da Cidade, para traballar conxuntamente co obxectivo de ampliar a catalogación de Patrimonio da Humanidade a todo o casco histórico de Lugo.

“Un chasco” para quen lle deu apoios

“Un chasco!”, así é como resumiu a portavoz de Lugonovo non só os últimos doce meses de xestión de Lara Méndez á fronte do Concello senón todo o seu mandato. “Foron tres anos e medio botados a perder – lamenta Cristina Pérez Herráiz – nos que o municipio apenas se transformou. E, en calquera caso, se o fixo foi a peor”. A voceira da formación referiu como máximo expoñente o paradigma da mobilidade na capital. “42 meses despois Lugo segue agardando, entre outras cuestións, a que a Ora se restitúa”. Cristina Pérez baseou o seu descurso na enumeración das distintas problemáticas que afectan ao termo municipal, abondando, especialmente no tráfico urbano.

Un asunto, o dos aparcadoiros, que centrou tamén o debate doutros grupos, como Cidadáns, quen avanzaba que o único que podería “salvar” a campaña electoral da rexedora serán as obras do desdobramento da Duquesa de Lugo. A voceira da agrupación municipal, Olga Louzao, asegurou ademáis que o “2018 foi tan perdido como o 2015, o 2016 e o 2017”.

O resto dos grupos basearon os seus discursos nas digerentes eivas da cidade resaltando, dende ACE-EU, os “tres puntos que centraron o mandato: o déficit democrático, o déficir de xestión e a carencia de proxecto”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo