A partir do martes xa é posible inscribirse no Plan Socio Laboral Muramiñae Rehabilita

Este próximo luns, 15 de xuño, sairán no Boletín Oficial da Provincia as bases do Muramiñae Rehabilita, o Plan de Intervención Socio-Laboral municipal que desenvolverá, durante seis meses, obras de mellora nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI, e que dá unha oportunidade laboral a 27 persoas de colectivos vulnerables.

Aínda que xa se poden consultar na páxina web municipal, www.concellodelugo.gal, logo da  súa publicación no BOP, abrirase un prazo de 10 días naturais para a presentación de solicitudes co obxectivo de que as persoas que ocupen as prazas poidan comezar a traballar a mediados do mes de xullo.

A iniciativa, que se enmarca na liña de acción específica que fixa a estratexia europea DUSI para a promoción da inclusión social e de loita contra a pobreza a través da inserción laboral, reactívase agora tras quedar paralizada en marzo, mes no que se presentou, polo estado de alarma causado polo COVID 19.

A alcaldesa de Lugo explicou que se crearán 3 brigadas que estarán conformadas por 27 persoas: 8 peóns e un capataz en cada unha delas. “Estes equipos encargaranse de realizar labores de xardinería e arranxos medioambientais, de albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos barrios DUSI: Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e Saamasas”.  

A rexedora destacou tamén a apertura deste programa de obras á opinión e suxestións da veciñanza, “xa que queremos que sexan os cidadáns os que nos propoñan as actuacións que queren que desenvolvamos neste barrios”. Para iso, habilitarase un espazo na web municipal onde deixar as propostas, e tamén se repartirán folletos de papel a través dos que os veciños e veciñas poden facer chegar as súas peticións, que se irán estudando no marco dun plan de acción de barrios.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com