" />

A Plataforma Feminista de Lugo convoca unha manifestación no día contra as violencias machistas

A Plataforma Feminista de Lugo convoca para este domingo 25 de novembro unha manifestación con motivo do día internacional contra as violencias machistas, que sairá ás 12:00h de diante do Concello de Lugo e rematará fronte aos xulgados, onde se dará lectura ao manifesto.

Este percorrido pretende visibilizar, segundo a plataforma, o abandono que levan tempo sufrindo as mulleres vítimas tanto por parte das administracións públicas como do sistema xudicial, “tanto por falta de recursos axeitados como pola visión patriarcal e machista que as segue rexendo” a pesares de contar coa lexislación integral contra a violencia de xénero. O lema escollido para este ano é “Esta sociedade machista estanos asasinando. Se non facemos nada, tamén temos sangue nas mans”, para salientar que é responsabilidade de toda a sociedade a de loitar contra tódalas formas de violencia machista, e que é o machismo imperante en tódolos aspectos socioculturais o que está na raíz do alarmante número de mulleres asasinadas, 950 mulleres en todo o Estado dende 2003, ano no que comezaron a contabilizarse os feminicidios, 58 en Galicia, cifras similares ás de outros terrorismos.

A Plataforma Feminista de Lugo quere aproveitar o 25-N para trasladar demandas concretas do movemento feminista lucense con respecto á loita contra a violencia de xénero, para que se solucionen dunha vez as deficiencias por parte das institucións ante a grave situación de emerxencia de tantas mulleres que deben vivir baixo ameaza de morte.

Entre as demandas máis salientables da Plataforma, atópase a petición de que se poña en marcha “realmente” o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. “É inadmisible que despois dun ano de traballo, teñamos un pacto insuficiente, sen calendario nin orzamentos decentes”, critican dende a plataforma. Neste eido reclaman que non se agarde máis tempo para poñer en marcha as 7 medidas de 2013 aprobadas no Pacto deestado en materia de protección das crianzas das mulleres vítimas, “repetiremos as veces que sexa preciso, que un maltratador non pode ser un bo pai”.

Asemade, a plataforma insta ao cumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Que se inclúa na presente lei como formas de violencia de xénero, os  ventres de alugueiro e a explotación sexual e se desenvolvan políticas encamiñadas ao desmantelamento das redes de trata e a “industria” do proxenetismo.

A Plataforma Feminista de Lugo reitera a súa demanda dun xulgado específico de violencia de xénero en Lugo, así como que se garanta unha xestión pública directa da rede de servizos de Violencia de Xénero. Que as campañas promovidas dende as distintas administracións para a Violencia de Xénero teñan unha perspectiva feminista. “Non consentimos máis campañas orientadas a culpabilización das mulleres, a que teñamos que estar vixiantes ante actitudes e accións violentas machistas ou cosificadas como monumentos que hai que protexer, como a campaña da Xunta do 25-N do pasado ano”.

A Plataforma Feminista convida a toda a cidadanía a unirse nesta marcha contra as violencias machistas na que realizarán outras demandas ás institucións para evitar que esta lacra siga existindo na nosa sociedade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo