A Reserva dos Ancares, primeiro premio na Copa de España Creativa 2020

A Deputación de Lugo alzouse coa Copa España Creativa 2020 nun evento celebrado na noite de onte, sábado, en Orihuela, o VII Foro de Ciudades y Territorios Creativos de España. O xurado seleccionou o proxecto da institución provincial para recuperar, conservar e poñer en valor os soutos da Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá de entre a vintena de candidaturas que concorreron como finalistas a este certame de ámbito nacional, no que participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de todo o país con proxectos innovadores para o desenvolvemento sostible do territorio.

A institución provincial xa gañou na primeira fase do concurso, a votación popular, onde recibiu preto do 40% dos votos, moi por diante do segundo clasificado. Esta posición de liderado foi ratificada onte polo xurado experto, despois da defensa do proxecto que realizou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao xefe do servizo provincial de Medio Ambiente, Luis Fernández Reija.

O xurado estivo presidido por Darío Villanueva, académico e exdirector da Real Academia Española (RAE), catedrático de Literatura Española e ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela, e do mesmo formaron parte persoeiros como Luis García Montero, director xeral do Instituto Cervantes, catedrático de Literatura Española, e poeta, narrador e ensaísta; Rafael Monzó, presidente do centro UNESCO Valencia Mediterráneo; ou Juan José Ruíz, reitor da Universidade Miguel Hernández. No evento de Orihuela tamén estiveron presentes figuras como a escritora Espido Freire.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, expresou este domingo a súa “enorme satisfacción” polo premio, que supón “un importante recoñecemento ás políticas e á estratexia que promovemos para apoiar ao rural e ao sector primario, e para favorecer deste xeito o desenvolvemento social e económico sostible do territorio, xerar riqueza e emprego, ordenar o territorio e fixar poboación”.

Agora, a Deputación, como gañadora da Copa España Creativa, será a encargada de organizar o vindeiro ano este evento, que reunirá a colectivos e institucións de toda España. “Sen dúbida, ser a sede deste certame no 2022 contribuirá de maneira moi importante á promoción de Lugo a nivel nacional e mesmo internacional, da nosa riqueza patrimonial, medioambiental, cultural ou gastronómica, o que terá un impacto positivo na actividade do turismo e da hostalería durante a celebración do congreso e tamén a medio e longo prazo”, destacou o Presidente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com