A Valedora do Pobo admite a queixa dos animalistas contra Chantada

O caso da cadela Alma, tristemente coñecido polo seu fatal desenlace a finais de 2019, aínda ten información por descubrir tal e como sinalou esta mañá a Asociación Animalista Libera respecto diso das chamadas sobre abandono de animais que se produciron días previos ao acto de crueldade e que non serían debidamente tramitadas.

Os animalistas dirixiron peticións de datos a organismos como Axega, a coordinación do 112, e á Dirección Xeral da Garda Civil, para coñecer se estas entidades recibiran chamadas sobre abandono de cans coincidentes con Alma, a cadela que foi tiroteada e mallada ata a súa morte, días despois, no Hospital Veterinario Rof Codina.

Así, a intención da ONG na súa solicitude ao Concello de Chantada baseábase en coñecer se recibiu tamén chamadas polo abandono de animais, tal e como remitiu durante varios días o 112 á agrupación local de Protección Civil e á Policía Local do municipio, e que medidas adoptaría o consistorio para cumprir coa Lei de Benestar Animal de 2017.

A pesar de que a solicitude se realizou o pasado 5 de decembro, o goberno local non deu resposta algunha, superando “con fartura” os prazos fixados na Lei de Transparencia e Bo Goberno de Galicia e vulnerando o dereito á información pública dos defensores dos animais.

Libera! lamenta que Chantada, en lugar de facer “un serio propósito público de emenda” no relativo ao caso da cadela maltratada para evitar que se reproduzan comportamentos similares no seu termo municipal, optase por un silencio que “só produce malestar e fai crecer as sospeitas de desinterese” por parte das autoridades municipais polo bo trato animal e a prevención do abandono.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com