A Xunta achega 50.000 euros para a sinalización e promoción do Camiño Real

Turismo de Galicia vén de conceder unha axuda de 50.000 euros a cinco concellos lucenses -en concreto os de As Nogais, Becerreá, Triacastela, Láncara e O Corgo– para a sinalización e promoción do Camiño Real ao seu paso polos seus respectivos territorios.

Segundo explicou hoxe o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a achega económica busca apoiar os esforzos que se están a realizar desde esta agrupación de concellos para a posta en valor desta ruta e a difusión e coñecemento da mesma por parte da poboación e os seus posibles usuarios.

Sinalización

Entre outras medidas, a Xunta apoiará a colocación de paneis informativos ao longo da ruta e sinalización de cruces e dos principais elementos de interese que se poden atopar durante o percorrido. Se prestará especial atención a aqueles puntos en que o percorrido poida inducir a erro e incorporaranse sinais de dirección ata os principais puntos de interese.

A nova sinalización permitirá identificar con claridade todo o percorrido por calquera visitante, camiñante ou afeccionado á natureza ou ao patrimonio histórico que desexe coñecela e sentir a emoción de percorrer os camiños que se empregaban por comerciantes e reis de épocas históricas.

Aplicación informática

O apoio de Turismo de Galicia tamén permitirá a adquisición dunha aplicación informática especificamente destinada a facilitar a información sobre o Camiño Real. O sistema está deseñado para dispositivos móbiles (smartphones e tablets) con sistemas operativos IOS ou Android así como para ordenadores persoais, grazas á creación e deseño dunha web propia que conteña toda a información da ruta e dos elementos de interese histórico, cultural, patrimonial e paisaxístico e os seus recursos turísticos asociados.

Coa aplicación móbil, o viaxeiro poderá obter a súa xeolocalización en tempo real sobre a ruta o que permite calcular o mellor percorrido desde calquera punto en que se atopen así como obter información dos recursos máis próximos.

Por outra banda a web dará resposta ás demandas de información sobre a ruta. Cada día máis persoas buscan na rede a información que lles leve a decidirse por un destino concreto e, unha vez decidido, a coñecelo co maior detalle posible para gozar ao máximo todas as súas potencialidades

Camiño Real

Balseiro puxo de relevo a necesidade e oportunidade de poñer en valor unha ruta que, segundo a tradición popular data da época romana. Trátase dun treito dos chamados “Camiños reais” que eran itinerarios que permitían aos viaxeiros e comerciantes da época trasladarse por todo o país.

Dáse a circunstancia tamén que o Camiño Real conecta coas rutas de peregrinación xacobea do Camiño Francés en O Cebreiro e co camiño Primitivo en Lugo pasando polos concellos das Nogais, Triacastela, Becerreá, Láncara e O Corgo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo