A Xunta acusa ao alcalde da Fonsagrada de desmantelar o servizo de emerxencias da Montaña

A Delegación territorial da Xunta en Lugo saíu ao paso das declaracións efectuadas polo alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, nas que aseguraba que a Montaña de Lugo non está preparada para facer fronte a continxencias como o incendio que a pasada noite calcinou unha vivenda nesta localidade.

Lembran que esta situación veu provocada polo “desmantelamento” do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) con sede na Fonsagrada e que incluía dentro do seu ámbito de actividade o municipio de Negueira de Muñiz. A supresión deste servizo foi unha “decisión política, moi cuestionable” do actual alcalde en funcións da Fonsagrada, Argelio Fernández.

A Xunta lamenta que naquel momento o rexedor da Fonsagrada “decidise unilateralmente” desmantelar o GES, un grupo moi valorado como unidade de primeira intervención, dando prioridade ao conflito laboral que mantiña cos seus traballadores ou a razóns de aforro sobre o correcto funcionamento do servizo de emerxencias na zona.

Tampouco consta que o alcalde de Negueira manifestase oposición algunha á decisión de suprimir este GES ou criticase o paso dado polo seu compañeiro de partido, polo que entenden non está moi lexitimado para queixarse agora por unha situación que no seu momento consentiu.

Con todo desde a Xunta consideran unha prioridade acometer as iniciativas que sexan necesarias para cubrir cun servizo de proximidade as emerxencias que poidan ter lugar na Montaña lucense e, nesa liña, agardan que tras a constitución das novas Corporacións municipais sexa posible abordar este asunto e poñer solucións sobra a mesa que corrixan a situación provocada tras o desmantelamento do GES con sede na Fonsagrada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo