A Xunta asegura que a Oficina Agraria de Monterroso funciona con normalidade e así continuará no futuro

A Delegación territorial da Xunta asegurou que a oficina agraria comarcal de Monterroso presta os seus servizos de apoio aos profesionais do medio rural con total normalidade e garanten que continuará sendo así no futuro.

En consecuencia, aseguran que “a información do PSOE alertando o peche desta oficina é unha falacia que tan só busca xerar unha alarma na zona e confundir aos usuarios deste servizo”.

Segundo a Delegación da Xunta “a Consellería do Medio Rural lonxe de prescindir das oficinas agrarias busca precisamente potenciar este servizo de proximidade no que a diario centos de profesionais do sector da agricultura e da gandaría fan as súas xestións e trámites relacionados coa Xunta. As instalacións son ademais o punto de encontro da brigada de prevención e extinción de incendios da Ulloa”.

A Delegación territorial aclara incluso que “en todos os casos nos que tivo lugar unha vacante de persoal nesta oficina procederon á cobertura deste posto, tal e como aconteceu recentemente coa baixa por xubilación dun veterinario ou, neste momento concreto, coa cobertura da praza vacante dun administrativo, que está en proceso”.

Desde a administración autonómica lamentan que “a proximidade das eleccións leven a determinadas forzas políticas –neste caso os socialistas- a inventarse falsos peches de servizos no rural, cando a realidade demostra que a oficina agraria funciona con normalidade e seguirá facéndoo no futuro, circunstancia que calquera veciño pode comprobar cunha simple visita ás instalacións”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com