" />

A Xunta asesora ao sector turístico da Mariña sobre as axudas para a recuperación económica

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, mantiveron hoxe unha xuntanza telemática co sector turístico da Mariña na que se lles informou e asesorou sobre a normativa laboral vixente e as axudas autonómicas para a recuperación económica.

En materia laboral, Toca explicou o contido do Real Decreto Lei 24/2020, de 26 de xuño, para prorrogar os ERTE e as medidas que se poden adoptar en caso de rebrotes pola covid- 19 como é a solicitude de ERTEs de forza maior. Tamén explicoulles as medidas para o teletraballo e a conciliación.

En canto ás axudas postas en marcha na área de Emprego, dentro do Plan de recuperación económica, informou, entre outros, do Cheque do Autónomo, uns apoios que se poden solicitar desde hoxe e que cobren os gastos do día a día, como son a loxística e o transporte de envíos (ata 3€ por envío); o pagamento por estar nunha plataforma de e-commerce local; o pago por licenza de uso de software de venda online; promoción en redes sociais; gastos correntes de seguridade motivados pola covid-19, entre os que se encontran os gastos en máscaras, guantes, desinfectante, limpeza, mamparas e asesoramento en prevención de riscos laborais; e os gastos de subministracións e telecomunicacións.

A medida ofrece financiamento do 100%, ata un límite de 1800 euros, e inclúe anticipos do 100% cubrindo os gastos realizados desde a declaración do estado de alarma ata o 31 de decembro deste ano. Con esta iniciativa preténdese favorecer a consolidación dun emprego autónomo estable e de calidade.

Pola súa banda, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo avanzou que a comarca da Mariña contará co apoio necesario da Xunta para impulsar accións específicas de promoción dirixidas á reactivación da demanda, estimulando tanto o turismo interno como os mercados de proximidade. Á espera de concretar a repercusión que esta situación teña na tempada estival, activaranse mecanismos que permitan superala e incidir nas características que fan da Mariña un destino sustentable e singular.

Darase así continuidade ao traballo en marcha co sector turístico lucense no marco do programa Galicia destino seguro, no que o Goberno autonómico xa asinou un convenio de colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), que inclúe accións de formación online en materia hixiénico-sanitaria. Ademais, lembrou que o sector dispón dun servizo de asesoramento para empresas e profesionais.

Na área de Comercio, Vázquez puxo en valor as novas liñas de axudas Reactiva Comercio e Servizos Seguros, que vén de poñer en marcha a Xunta para facilitar á volta á actividade en condicións de confianza para os consumidores, apoiando así a transformación dos locais.

Estas dúas iniciativas, coas que colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro); e Infraestruturas e Mobilidade, teñen como obxectivo cubrir os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.

A través destes apoios, os establecementos comerciais, empresas do sector turístico e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1200 euros. Por outro lado, as pemes de menos de 50 traballadores tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais poden beneficiarse de apoios directos do 80% do custo nas medidas de seguridade precisas, desde un mínimo de investimento de 1500 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo