A Xunta asina un convenio con Vilalba para reformar o campo da Madalena

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o concello lucense de Vilalba onde asinou un convenio de colaboración co alcalde local, Agustín Baamonde, para acometer as obras de separación, subministro e reforma da instalación eléctrica nos vestiarios asociados ao campo de fútbol de céspede artificial A Madalena. O importe destas actuacións, segundo o texto do convenio, ascende a máis de 24.000 euros (24.120,49) dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegará o 83% (20.000 euros) e o Concello de Vilalba os restantes 4.120,49 euros.

Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará á mellora de infraestruturas unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, neste 2019, a provincia de Lugo verase beneficiada por obras que superarán o millón de euros nun total de 12 concellos.

Tamén en Vilalba, José Ramón Lete Lasa mantivo un encontro cos loitadores galegos José Cuba e Carlos Yobani, así como co xerente do Club de Loitas Olímpicas de Vilalba. O secretario xeral animou aos deportistas a continuar co seu traballo e a engrandecer a súa excelente traxectoria e certificou o compromiso da Xunta de Galicia con este deporte,
máxime nestes días que se disputa en Pontevedra o Campionato Europeo Júnior de Loitas Olímpicas, no que compite o propio Carlos Yobani.

Tras a súa visita a Vilalba, Lete Lasa dirixiuse a Outeiro de Rei onde visitou o circuíto automobilístico no que a Secretaría Xeral para o Deporte investiu en 2018 o 70% dun convenio de 223.764,25 euros para converter o trazado nun centro de deportes de motor e seguridade viaria. A reforma consistiu na ampliación e mellora das instalacións existentes dotándoas de versatilidade e a posibilidade de simultaneidade de usos con distintas variantes.

Xa na capital da provincia, o secretario xeral para o Deporte reuniuse cos deportistas Sara Álvarez e Mauro Rodríguez, pertencentes á Federación de Judo e de Deporte Adaptado (natación), respectivamente. A continuación mantivo dúas xuntanzas cos senllos presidentes do Club Voleibol Emevé, Bibí Bouza, e do Club Baloncesto Ensino, Manolo Durán. No primeiro caso, Lete Lasa aproveitou para felicitar ao Emevé polo ascenso do seu equipo masculino á máxima categoría do voleibol nacional e, por outra banda, celebrou a excelente tempada do Ensino na máxima categoría do baloncesto feminino nacional.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo