A Xunta continuará financiando a actividade das Casas Niño

A Consellería de Política Social continuará financiando a actividade das Casas Niño que en 2019 rematan a experiencia piloto, que tiña unha duración de tres anos. Así o indicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a visita á Casa Niño das Nogais, que foi unha das que se puxo en marcha na provincia ao abeiro da primeira convocatoria de axudas do ano 2016.

As Casas Niño son recursos gratuítos para as familias que se impulsan nos concellos máis pequenos -con menos de 5.000 habitantes- para contribuír a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e dinamizar a economía local, e deste xeito intentar fixar poboación nova no rural. É un servizo sen custo para os usuarios no que se presta atención personalizada e nun horario flexible a un máximo de cinco nenos e nenas de entre 0 e 3 anos.

Na provincia de Lugo hai actualmente 16 Casas Niño en marcha. Trece corresponden ás dúas primeiras convocatorias (2016 e 2017) e están situadas nas Nogais, Fogoso do Courel, Láncara, Begonte, Xermade, O Corgo, Portomarín, Riotorto, Ourol, Paradela, A Pobra do Brollón e dúas en Castroverde. As outras tres foron subvencionadas na convocatoria do 2018 e están iniciando a súa actividade, en Triacastela, Rábade e O Páramo.

A Casa Niño das Nogais foi habilitada nun local da casa reitoral, cedido polo Bispado de Lugo e reformado para acondicionalo debidamente ao novo uso. O delegado sinalou que estas instalacións son “unha proba do bo resultado que está a ter esta iniciativa”, e reiterou que o obxectivo da Xunta é seguir estendendo o servizo a outros puntos do rural, para o que proximamente se publicará unha nova convocatoria de axudas.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com