" />

A Xunta de Galicia incorpora ao Catálogo galego de árbores senlleiras a Nogueira do Camiño Vello

A Xunta de Galicia incorpora ao Catálogo galego de árbores senlleiras a Nogueira do Camiño Vello (Juglans regia L), no concello de Triacastela, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, que salienta as características dendrométricas, a singularidade e a beleza deste exemplar.

A Nogueira do Camiño Vello, con 9 metros de altura e 7 metros de circunferencia e cunha inclinación de 40º cara ao leste, enraizada directamente na rocha localízase ao carón da Casa da Ponte, vella ferrería onde en 1812 a Xunta Superior de Galicia instalou un hospital
de tránsito para atender a soldados enfermos que loitaban contra as tropas francesas durante a Guerra de Independencia.
O seu vasto toro e as súas cavidades, algunhas delas completamente abertas, mostran o inescrutable paso do tempo, as inxerencias do clima e dos insectos que nela habitan.

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso da Nogueira do Camiño Vello.

Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo