A Xunta destaca “o salto de calidade” nas instalacións do IES Muralla Romana de Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o “salto de calidade” nas instalacións do Instituto de Ensino Secundario (IES) Muralla Romana de Lugo despois de que o Goberno galego executara obras de reforma e ampliación do centro por un importe próximo aos 500.000 euros (a actuación foi adxudicada en 477.950 euros).

Arias visitou o IES acompañado de membros do equipo directivo para comprobar o resultado dos traballos, que tiñan por obxecto dar resposta á necesidade de espazo que xurdiu trala implantación de novos ciclos formativos da familia profesional de Imaxe Persoal. Lembrou que no 2015 púxose en marcha a FP Básica de Peiteado e Estética e no 2017 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio para implantar no centro a FP dual no ciclo superior de Estética Integral e Benestar.

Con esta obra adaptouse o anterior ximnasio para habilitar un taller de estética e peiteado cunha superficie de 288 metros cadrados. Para acadar unhas boas condicións de confort levouse a cabo o illamento exterior da fachada deste taller e dos colindantes mediante un sistema SATE; illouse a cuberta; abríronse ocos para favorecer a entrada de luz; instaláronse fiestras con sistema de apertura oscilobatente para facilitar a ventilación e colocáronse luminarias de alta eficiencia enerxética, con reguladores de intensidade e detectores de presenza nas zonas comúns. Así mesmo, instalouse un sistema de calefacción por radiadores e incorporouse unha escaleira accesible dun metro de ancho para acceder á entreplanta.

A reforma fixo necesario acondicionar outro ximnasio, polo que se adaptou o polideportivo, pechándoo polos laterais. O novo espazo habilitado ten unha superficie de 634 metros cadrados e alberga dous vestiarios, un almacén, un despacho e un baño accesible. Tamén se conectou esta instalación co edificio do IES mediante unha rampla exterior. Outras melloras consistiron na execución dunha rampla de acceso para camións e a colocación dun portalón na rúa Angelo Colocci; así como no pintado da chapa da cuberta do instituto.

Arias apuntou que as actuacións seguen os criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que busca adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Salientou en especial o impulso da Xunta á Formación Profesional, non só a nivel de infraestruturas senón tamén con máis prazas e cun incremento da oferta, con novos proxectos de FP Dual e con novos másteres de FP enfocados á especialización. En concreto, dixo, neste curso 2021-2022 a Xunta reforzou a oferta de FP na provincia de Lugo con cinco novos másteres e 14 proxectos na modalidade dual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com