visita praia das Catedrais Delegado da Xunta

A Xunta destina 215.400 € para a atención aos visitantes na praia das Catedrais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina 215.400 euros nos vindeiros dous anos (ata maio de 2023) ao contrato de atención a visitantes no Monumento Natural da Praia das Catedrais, en Ribadeo, cuxa formalización vén de publicarse na Plataforma de Contratos de Galicia.
Así o anunciou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, no transcurso dunha visita ao areal, onde explicou que o Goberno galego aposta por unha xestión “que logre compatibilizar o seu uso público ordenado coa divulgación dos seus valores naturais e a súa conservación”.
Nese sentido, referiuse ás medidas de reforzo dos paneis de advertencia, información e promoción e á contratación de guías para que informen aos visitantes e advirtan do que non se debe facer.
O servizo de atención ao público préstase durante os períodos con limitación de acceso á praia, Semana Santa e meses de verán -ata 30 de setembro-, así como en fins de semana ou datas festivas con moita afluencia turística, como o 1 de Maio, as Letras Galegas entre outras datas.
Un dos cometidos é controlar a entrada e informar sobre a normativa de uso do areal, como a prohibición de ir por fóra dos camiños e sendeiros, miradoiros e áreas de descanso, recolección de especies de fauna e flora, tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, realizar escalada ou similares ou destruír e deteriorar as formacións xeolóxicas, incluíndo a realización de pintadas ou gravados sobre as paredes dos acantilados e a substracción de materiais.
Así mesmo, infórmase dos importes das sancións e dos riscos que poden existir e realízase o seguimento do comportamento dos visitantes. Nese sentido, Arias incidiu en que o coidado deste entorno “ten que contar coa colaboración de todos” e advertiu de que os malos usos “impactan moi negativamente sobre os espazos protexidos”.
O persoal contratado realiza tarefas divulgativas e visitas guiadas explicando os procesos xeolóxicos que motivaron a formación e evolución do monumento natural, así como os hábitats e especies existentes e as súas presións e ameazas.
“É moi importante este traballo de difusión para lograr a sensibilización e o compromiso social na conservación das Catedrais e para concienciar sobre o seu valor e sobre os riscos que pode conlevar un mal uso deste espazo”, salientou Arias.
O contrato inclúe tamén medidas de reforzo da sinalización de advertencia das zonas onde se poden producir desprendementos e a organización das áreas de aparcamento.
Atractivo turístico
“Cada vez máis persoas demandan desfrutar de forma segura e sustentable de espazos naturais protexidos como este entorno das Catedrais, que constitúe un dos principais reclamos turísticos da Mariña e de toda Galicia”, dixo Arias.
Lembrou que a raíz da aprobación do Plan de conservación deste espazo en 2015 regúlase o acceso á praia nas datas de maior afluencia e avanzou os primeiros datos de visitas deste verán. Así, indicou que no que vai do mes de xullo, 53.503 persoas solicitaron a entrada, sen que en ningunha xornada se alcanzara o tope máximo diario, limitado a 4.812 visitantes. O día con máis rexistros foi onte, luns 19, cando se ocuparon 3.572 das prazas ofertadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com