A Xunta financiará un novo obradoiro de emprego para a mocidade no Concello de Lugo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará un novo obradoiro de emprego para a mocidade no concello de Lugo, ao que destinará un orzamento de 180.000 euros. A iniciativa forma parte do programa Garantía Xuvenil.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este programa ofrecerá formación teórica e práctica e experiencia laboral, cun contrato de traballo, a 16 mozas e mozos desempregados do municipio.

Está previsto que o novo obradoiro se poña en marcha no mes de setembro e estará orientado á implementación das novas tecnoloxías nos procesos de xestión do Concello de Lugo. En concreto, ofrecerá as especialidades de Xestión documental e arquivo e Dixitalización de documentos.

Entre os traballos que realizará cóntase a descrición, catalogación e dixitalización de fondos documentais do concello, entre elas a serie de “actas capitulares” do século XVIII ou documentos da oficina dos servizos de persoal e estatística e cemiterio do concello de Lugo dende o ano 1940.

Nas vindeiras semanas resolverase a convocatoria xeral dos obradoiros, coa intención de que poidan iniciarse tamén no outono. Balseiro lembrou que os concellos poden desenvolver simultaneamente proxectos en ambos programas, nos destinados á mocidade e nos duais, como de feito fixo Lugo nos últimos meses.

Así, a Xunta investiu 450.000 euros en sufragar os dous obradoiros realizados ao abeiro da anterior convocatoria. Un deles, rematado a finais de xullo, sobre produción fotográfica e dinamización cultural, e o obradoiro dirixido á mocidade -que finalizou en marzo- tamén orientado ás novas tecnoloxías. En conxunto proporcionaron emprego e formación a 36 persoas.

En conxunto, a consellería financiou nos últimos meses na provincia 20 obradoiros de emprego, dous deles dirixidos á mocidade -o de Lugo máis outro en Ribadeo-. Involucraron a 50 concellos, supuxeron un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e sumaron 472 contratacións. Xa está en marcha unha nova convocatoria deste programa polo que proximamente poranse en marcha novos proxectos nos municipios lucenses.

 

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Avatar
    Maria Aurora Barreir
    Ago 07, 2019 - 11:59 PM

    @PPdeLugo @Xunta 👏👏👏👏👏

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo