A Xunta impulsa a implantación de catro novas empresas na provincia co Galicia Emprende

A Xunta de Galicia vén de resolver unha nova convocatoria do programa de apoios para emprendedores Galicia Emprende, destinando á provincia de Lugo máis de 250.000 euros para a implantación de dous talleres mecánicos, en Lugo e Friol, e dúas clínicas de odontoloxía, unha tamén na capital e a outra no Saviñao. Ao mesmo tempo, está tramitando as solicitudes da segunda orde de axudas publicada -o pasado mes de xuño-, e á que se presentaron unha decena de emprendedores en Lugo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca periodicamente esta orde de axudas “para fomentar a implantación de pequenas e medianas empresas, que son determinantes no tecido produtivo en Galicia e polo tanto na creación de emprego”.

En conxunto, explicou, durante o pasado ano este programa propiciou a creación de 11 pemes en Lugo, que sumaron achegas por importe de 570.000 euros e alcanzaron un investimento apoiado global de 1,6 millóns de euros.

En concreto, botaron a andar cinco empresas en Lugo, tres en Chantada e unha en Monforte de Lemos, Castro de Rei e Vilalba respectivamente. Polo que respecta ás actividades que realizan, figuran catro comercios, un centro de ocio, unha industria cárnica e outra de papel, un centro de adestramento canino, unha clínica dental, unha empresa de servizos agrícolas e outra de base tecnolóxica.

O obxectivo destas axudas que xestiona o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é apoiar aos emprendedores como axentes dinamizadores da economía, para que poidan actuar como catalizadores do repunte da actividade económica.

Os interesados poden presentar un custo subvencionable igual ou superior a 25.000 euros e non superior a 500.000, para gastos ou investimentos que deben estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo