A Xunta incrementa as axudas aos concellos para a promoción da igualdade

A delegada territorial, Raquel Arias, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, mantiveron hoxe unha xuntanza con responsables e persoal técnico municipal da provincia de Lugo para explicarlles distintos programas de axuda que ven de poñer en marcha a Xunta de Galicia.

A reunión, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Xunta en Lugo, serviu para explicar as subvencións destinadas aos concellos para accións de fomento da igualdade. A Xunta distribúe entre tres programas un importe de 4,6 millóns de euros, que foi incrementado nun 35 por cento con respecto ao ano 2014.

O Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións concedidas para o Programa de fomento da conciliación, para o Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, e para o programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM), que suman un investimento de 4.660.133 euros, cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo.

A delegada territorial  explicou  que “os concellos, como administracións máis próximas, son os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños, e a través desta orde axúdannos a direccionar as axudas cara aos programas que poden resultar máis efectivos en cada caso”.

A secretaria xeral de Igualdade detallou o contido e algúns dos requisitos dos distintos programas, destacando que as subvencións son de concorrencia competitiva e que se prima a presentación de proxectos e iniciativas comúns entre varios concellos. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración relativo a esta agrupación ou asociación. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras; entre esas medidas están os bancos de tempo e outras. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual e ata 22.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.

A segunda liña de axudas é o programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, que inclúe as accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual en xeral e a prostitución en particular. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 € no caso dunha solicitude individual e ata 20.000 € se é unha solicitude conxunta de varios concellos.

Apoio aos CIM

O programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM),  ten coma obxectivo reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles, son subvencionables a existencia no cadro de persoal ou na relación de postos de traballo da entidade, de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, para a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade.

A contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 €, e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com