" />

A Xunta incrementa nun 7,5% as horas do servizo de axuda no fogar e anuncia unha nova prestación

O Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe en rolda de prensa que a Consellería ten previsto volver a reforzar o Servizo de Axuda no Fogar nos concellos lucenses cun incremento de preto de 134.000 horas anuais do que se beneficiarán todas as comarcas.

Balseiro lembrou que actualmente a Consellería sufraga na provincia 1.795.980 horas ao ano, que dan atención a preto de 4.000 usuarios (3.743 contabilizados no segundo trimestre do ano) e significan un investimento de 13,2 millóns de euros (13.227.900 euros o pasado ano).

O delegado territorial afirmou que o SAF é un dos recursos mellor valorados polas persoas con dependencia, o máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda así como polas súas familias coidadoras, e representa máis do 32% das prestacións totais do  Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (SAAD).

O máximo representante da Xunta en Lugo, sinalou que o obxectivo do Goberno galego é superar as 60.000 persoas con atención antes de que remate o presente ano no conxunto da comunidade, “unha cifra nunca antes acadada”. Este reto, avanzou, terá aparellado un investimento de 21 millóns de euros e “suporá adiantar dous anos un obxectivo que inicialmente se fixou para toda a lexislatura”. En concreto, a partir do vindeiro mes de setembro incorporaranse de maneira progresiva en Galicia 4.000 novas persoas como beneficiarias dos recursos públicos de prevención e coidado da dependencia.

Nova prestación

O Bono Autonomía en Residencia consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública. Deste xeito, a aqueles que estean pendentes de recibir un recurso de atención residencial e non perciban ningunha outra prestación das incluídas no Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, a administración ofreceralles unha libranza vinculada para a adquisición dun servizo de atención residencial co fin de sufragar o custo da súa estancia nun centro privado mentres agarda, si así o desexa, pola súa incorporación a unha praza nun centro público.  Os beneficiarios recibirán de media 490 euros ao mes, podendo percibir un máximo de 715 en función do grao de dependencia recoñecido e da súa  capacidade económica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo