A Xunta inicia os traballos de demolición no interior do edificio do Xeral

A Xunta de Galicia deu comezo aos traballos de desmontaxe interior e baleirado do antigo Hospital Xeral de Lugo, cumprindo así o compromiso de iniciar as obras este mesmo ano, segundo subliñou o delegado territorial, José Manuel Balseiro.

Durante unha visita ás instalacións, o delegado explicou que neste momento hai 10 persoas traballando na planta semisoto, desmontando as estruturas acorde ao descrito no proxecto de derrubo. En xaneiro está prevista a incorporación de arredor de 15 traballadores, e iranse sumando máis medios humanos á medida que o permitan os avances nos traballos de demolición e xestión.

Balseiro lembrou que estamos ante “unha obra complexa, que supón a desaparición progresiva de 20.133 metros cadrados de superficie construída”; comezou coa retirada manual dos elementos aproveitables ou de máis fácil manexo, continúa agora coa eliminación de estruturas interiores, e rematará coa demolición, de arriba cara abaixo, da planta baixo cuberta, seis plantas de hospitalización, a planta de acceso, un soto e o semisoto.

As obras, que executa a empresa pública Tragsa, contan cun orzamento de 3,2 millóns de euros e cun prazo de execución de sete meses. A data de hoxe xa se realizaron todos os labores previos como a anulación das acometidas primarias e secundarias de servizos -luz e auga-, o valado e sinalización da obra e a limpeza, retirada de mobiliario e dos equipos existentes.

Contémplase a segregación de todos os materiais susceptibles de seren reciclados ou aproveitados, que se remiten a un xestor autorizado. Ata agora os principais residuos son material de construción, madeira e materiais de illamento; enviáronse xa 63 metros cúbicos de residuos, e hai outros acopios listos para o seu envío.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com