" />

A Xunta insiste en que Vestas debe continuar coa actividade da fábrica máis aló do 31 de decembro

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe na mesa industrial de Vestas, celebrada en Santiago de Compostela, que a Xunta ten identificados, a día de hoxe, tres posibles compradores para a factoría de Viveiro.

Na reunión, a Xunta e os sindicatos solicitaron á empresa que os despedimentos non se fagan efectivos o 31 de decembro e que, polo tanto, non se peche a factoría para evitar que se dificulte un posible proceso de venda. “É fundamental para continuar coas conversas que se poida adquirir unha factoría que estea funcionando, unha unidade produtiva, e non un activo inmobiliario”, explicou Lorenzana. A titular de Emprego e Igualdade lamentou que a empresa se negara “en rotundo” a ampliar o prazo para levar a cabo os despedimentos e amosou a súa “preocupación” por que se poida frustrar unha posible venda “pola pouca marxe temporal que hai ata o próximo 31 de decembro”.

A conselleira sinalou que a empresa si aceptou a petición da Xunta de reunirse cos tres posibles investidores identificados polo Goberno galego, xa que, segundo engadiu, precisan de máis datos. Lorenzana informou tamén, tras a xuntanza, de que a xestora nomeada pola empresa para buscar compradores ten identificados a outros catro posibles investidores, mentres que o Estado, pola súa banda, polo momento, non atopou ningún, aínda que especificou que está a buscar empresas a nivel internacional.

Ademais dos representantes da Xunta, acudiron tamén á mesa industria convocada pola Xunta, representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, directivos de Vestas e representantes do comité de empresa e dos sindicatos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo