A Xunta salienta a importancia de espertar na mocidade interese na ciencia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nun encontro con alumnado de 4º da ESO do instituto vilalbés Santiago Basanta Silva. Este encontro enmárcase na iniciativa Referentes Galegas nas Aulas, organizado pola Asociación de Executivas de Galicia en colaboración coa Deputación de Lugo, co obxectivo de visibilizar o traballo de mulleres profesionais galegas de diferentes sectores.

Patricia Argerey atendeu ás preguntas do alumnado e falou da súa traxectoria profesional e das súas responsabilidades actuais á fronte da Axencia Galega de Innovación e explicou que unha das prioridades do seu departamento é espertar o interese e a motivación da mocidade galega, especialmente das rapazas, pola ciencia e a innovación, co obxectivo de contar cos mellores profesionais do futuro en áreas con grande potencial para a economía galega e a economía global.

Con este obxectivo, a Axencia Galega de Innovación ten en marcha un programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas que inclúe, ademais de actividades consolidadas como a feira Galiciencia, as Aulas Tecnópole ou as Aulas Isidro Parga Pondal, novas actuacións como o Programa D´tec, para fomentar o deseño, a ciencia e a tecnoloxía entre a comunidade educativa galega que está a desenvolver talleres e espectáculos no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol.

Tamén se está desenvolvendo o Programa de Fomento de Vocacións da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica para desenvolver o sector dos avións non tripulados (drons). Co obxectivo de conseguir o achegamento da ciencia e da tecnoloxía aos máis novos e o fomento de novas vocacións especialmente vinculadas ao sector  aeronáutico e aeroespacial, inclúe talleres, charlas e visitas ao Aeródromo de Rozas, e iniciativas como as Aulas Newton ou os Drone Day en colaboración coa multinacional aeronáutica Boeing.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com