A Xunta ultima a mellora da eficiencia enerxética das 45 vivendas de promoción pública de Becerreá

A Xunta de Galicia está ultimando as obras de mellora da eficiencia enerxética das 45 vivendas de promoción pública emprazadas na rúa Ancares de Becerreá, nas que investiu 296.500 euros. Os traballos estarán rematados previsiblemente na primeira quincena do mes de agosto, dado que as adversas condicións climatolóxicas impediron ata o momento o normal desenvolvemento dos traballos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou hoxe a marcha das obras, que consisten no illamento térmico do edificio polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas. As obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Balseiro sinalou que estas medidas benefician aos adxudicatarios das vivendas por canto reducen os custos enerxéticos e incrementan a confortabilidade. As obras foron promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que ten en marcha un programa de mellora da eficiencia enerxética de vivendas de promoción pública no marco do cal se están a realizar actuacións en varias localidades de toda Galicia.

Este programa vén a sumarse a outras iniciativas de similar calado que o Goberno galego está a desenvolver en edificios da súa propiedade. Así o puxo de manifesto o delegado territorial, que explicou que a Xunta “está a introducir medidas de aforro económico e de consumo nos inmobles da súa titularidade para avanzar na sustentabilidade ambiental”. Como exemplo, aludiu tamén ás reformas integrais en centros educativos ou á utilización de instalacións de biomasa para calefacción en centros de saúde.

Por outra banda, o IGVS entregou tamén hoxe mesmo unha vivenda nesta promoción. Ao respecto, o delegado lembrou que a Administración tramita continuamente as adxudicacións das vivendas para que non permanezan baleiras, en tanto haxa lista de reservas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com