" />

A Xustiza recoñece a relación laboral de 105 falsos autónomos de Frigolouro en Lugo

O Xulgado do Social n.º 1 de Lugo acaba de ditar unha sentenza que recoñece a relación laboral de 105 falsos autónomos que prestaban servizos para Frigolouro en Lugo. Segundo CC.OO “trátase dunha nova vitoria dos servizos xurídicos de CCOO, que hai máis de tres anos iniciou unha intensa campaña contra a figura dos falsos autónomos no sector cárnico. Grazas a ela logrouse regularizar a situación de centos de traballadores e traballadoras en todo o Estado, tamén en Galicia”.

“Estes falsos autónomos prestaban o seu servizo como «socios cooperativistas» de Servicarne para a empresa Frigolouro, pero en instalacións adscritas a Novafrigsa. As dúas últimas empresas pertencen ao Grupo Coren, mentres que a primeira perdeu en 2019 a condición de cooperativa grazas á acción sindical e xurídica de CCOO”. Subliñan de a central sindical.

Na demanda aparecen como promotores tanto a Tesouraría da Seguridade Social como a Federación de Industria de CCOO, asistida polo letrado Enrique Lillo, avogado dos servizos xurídicos confederais desta organización.

Ao longo de 45 páxinas, a sentenza baséase no labor sindical e xurídico realizado por CCOO nos últimos anos e declara probada a relación laboral entre os falsos autónomos e o Grupo Coren. De feito, a propia Coren xa os asumiu no seu cadro de persoal no 2019.

Fraude millonaria

A sentenza abre a porta a unha reclamación económica contra Servicarne e Coren polas cotas de autónomos indebidamente pagadas nos últimos catro anos, así como polas cotizacións que deixou de percibir a Seguridade Social —motivo este polo que a Tesouraría Xeral foi parte demandante.

Segundo CCOO-Industria, “a fraude polo uso dos falsos autónomos no sector cárnico é «millonaria». No caso que ocupa esta sentenza, só as cotas de autónomos que as empresas deberían devolver aos 105 ex cooperativistas «poderían supoñer millón de medio de euros», e bastante máis as cotizacións que haberá que aboar á Seguridade Social, «que se incrementarán cun recargo do 20 %», apuntan desde o sindicato”.

Estender os efectos ao Porriño

A sección sindical de CCOO en Frigolouro no Porriño (Pontevedra) piden tamén que se faga xustiza coas súas reivindicacións, moi similares ás que motivaron a denuncia de Lugo. Lembran que se trata «do mesmo modo de traballo, a mesma cooperativa, os mesmos procedementos e incluso o mesmo director de recursos humanos, que tivo que prestar declaración no xuízo de Lugo».

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo